En portadaÚltima hora

“Pardais e falcóns”, unha viaxe pola historia valdeorresa a través do teatro

Esta peza, escrita por Gustavo Docampo e que porá en escena Gargallada, estrearase o 2 de setembro á beira da Torre do Castro (O Barco)

Presentación da obra “Pardais e falcóns”, no Barco.

 

Alá polo verán do 2012 iniciábanse unha obras de rehabilitación na fortaleza do Castro (O Barco) que deixaban a descuberta un xacemento prerromano, xusto ao carón da torre medieval. Preparando os textos dos paneis que agora explican ao visitante o que foi e significou este entorno, o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo, decatouse de que aí había unha base potente para desenvolver un proxecto teatral. E aí poñíase a semente de “Pardais e falcóns”, con dirección de Manuel Caramés, que se estreará os vindeiros 2 e 3 de setembro ás 22h. na praza da fortaleza da vila do Castro (O Barco).

“Lin a memoria arqueolóxica de Santiago Ferrer, falei moito con el e alí vin que había materia para poder abordar, dende un punto de vista teatral, para achegar a historia á xente coa ferramenta do teatro. Logo relín un pequeno libro de Antonio Castro Voces que condensaba información doutros tratados máis amplos sobre o Castro e a súa fortaleza. E logo está a propia praciña que quedou alí onde hai un poboamento castrexo e romano igual merecía algún tipo de representación. E aí empezou a cabeza a funcionar”, contaba o propio autor no acto de presentación da obra, que tiña lugar esta mañá coa presenza da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, e de dous integrantes de Gargallada Teatro, Manuel González e Álvaro Baños, e do director artístico da peza, Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”.

A partir de aí foi xestándose unha peza teatral que se enmarca na liña do teatro como recuperador da historia local, na mesma senda de textos teatrais anteriores de Docampo como “Polos camiños do tempo” (estreada en setembro de 2017) e “A ponte afogada” (decembro de 2019, con motivo do 60 aniversario da caída da Ponte de San Fernando).

“Son dez escenas que van dende os tempos dos romanos á revolución liberal. A peza vai cunhas constantes que eu creo que son atemporais, hai referencias aos problemas da condición humana e das relacións sociais que podían producirse en tempos pasados pero que tamén as recoñecemos hoxe perfectamente. E iso é o que lle dá o fío condutor que levan os dous personaxes centrais, unha especie de xograres ou de trovadores, que fan as súas intervencións en verso, como unha especie de chiscadela ao teatro clásico e para darlle tamén un certo tono de humor, porque ás veces a historia ten un aquel de trascendencia moi serio. E tamén se trata de escapar desa visión plana da historia, branco e negro, de bos e malos, hai situacións complexas e actitudes, e persoeiros da historia que teñen varias caras”, explicaba Gustavo Docampo.

 

Gustavo Docampo, autor da obra, intervindo na presentación.

 

A produción

E, como nas dúas pezas teatrais anteriores, “Pardais e falcóns” será posta en escena por Gargallada Teatro, nunha coprodución entre o Concello do Barco e a Deputación de Ourense. A obra, cuxo proceso de preparación se iniciaba en xaneiro, conta con 25 personaxes aos que darán vida os actores Paco Campos, Reyes Limia, Lalo Santos, Manuel González, Moncho Díaz Macías, Carmen Hernández, Juanjo Fernández García, Xosé Lois Conde, Emilio González López, Álvaro Baños, Ángel Rodríguez, Aurora Fernández Couso, José Manuel G. Borace, Juan Ferreira e polos músicos Xaquín Freixeiro, Antela Roo Calvo e Xabier Blanco Sánchez.

A posta en escena está dirixida por Manuel Caramés, mentres que na escenografía, vestiario e no deseño gráfico contouse con Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”. A música foi composta para a ocasión por Xaquín Freixeiro. Da parte técnica (son, deseño de iluminación e montaxe de estruturas) ocuparanse Vanesa Yáñez e Jorge Álvarez Delgado.

“Queremos animar moito á xente a que veña á estrea porque esta é unha proposta para toda Valdeorras, trátase de achegar o coñecemento da nosa historia, do noso devir a toda a xente, dunha forma sinxela pero moi interesante”, dicía na presentación Manuel González, un dos actores. “Dende o grupo Gargallada”, engadía, “queremos darlle as grazas ao Concello, á Deputación e sobre todo a Gustavo porque a cabeciña non lle para, xunto co amigo Caramés, que hoxe non pode estar aquí”. Tamén resaltaba o gran traballo artístico de Coquixo, “estámoslle sempre agradecidos de corazón. Formamos parte da produción 14 persoas de todo o val de Valdeorras e estamos convencidos de que vai gustar moito como xa pasou con montaxes como “Polos camiños no tempo” ou a dedicada á caída da Ponte de San Fernando”, concluía.

 

 

Pola súa banda, Gustavo Docampo, poñía en valor o traballo realizado por Gargallada. “Unha proposta coma esta só se pode abordar dende o local, dende o teatro baseado no voluntarismo, non profesional e que todo xira arredor do entusiasmo e de traballar pola pura arte. E agradecer a Manolo Caramés, non só director da peza senón tamén director de toda esa dinámica asociativa e artística tan potente que está desenvolvendo a agrupación Gargallada, el está gobernando o timón desta nave”.

Tamén interviña neste acto a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta, indicando que “para min é un pracer que, unha vez máis, fagamos historia da historia, da man de valdeorreses porque o proxecto que hoxe presentamos é un produto con denominación de orixe valdeorresa”. Así mesmo apuntaba que nesta obra “hai moitísimos nomes que a todos nos soarán e moitísimos episodios e anécdotas, nótase Valdeorras neste texto”. Un deles é a recente descuberta do primeiro miliario con inscrición da Via Nova ao seu paso pola comarca.

O título

A escolla dun título para unha obra nunca é doada, recoñecía Gustavo Docampo, que neste caso con “Pardais e falcóns” buscaba facer referencia “a esa frase que alguén popularizou referente á gran revolución irmandiña do século XV, que dicía que os pardais correron tras os falcóns, cando os falcóns eran os señores e o pardais a xente de condición baixa e dalgunha maneira produciuse iso”.

Con este título o autor pretendía destacar “ese carácter dialéctico, de loita de contrarios que hai en toda situación histórica, onde hai pasos adiante e voltas para atrás, entendendo isto como avances e retrocesos nas condicións de vida da xente, entón iso está presente en calquera momento”.

A estrea

Tras un proceso de produción e ensaios de sete meses (de xaneiro aagosto de 2022) chegará ao público os días 2 e 3 de setembro ás 22 horas na praza da fortaleza da Vila do Castro, “capital histórica da comarca, por telo sido do Señorío de Valdeorras entre o século XIV e o XIX, e lugar de indubidable valor patrimonial”, explican os promotores da iniciativa.

Por outra banda, a Editorial Positivas publicará “Pardais e falcóns” na súa colección de textos teatrais. O proxecto “Pardais e falcóns. Achegamento á historia de Valdeorras a través do teatro” conta cunha axuda da Deputación de Ourense de 1.132,60 euros sobre unorzamento total de 3.780,25 euros.

Artigos relacionados

Back to top button