A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) vén de presentar esta mañá os resultados do Programa Piloto ExportOUSostible, unha iniciativa que comezou hai dous meses e medio con cinco empresas participantes para axudalas na aceleración dos seus procesos sostibles a través da tecnoloxía. Este proxecto, liderado pola CEO e apoiado pola Deputación de Ourense a través do Inorde, logrou resultados notables desde o seu arranque proporcionando ás empresas participantes unha valiosa folla de roteiro para integrar a sustentabilidade no seu día a día, estratexia que lles permitirá avanzar de maneira efectiva nos seus obxectivos sostibles.
A conclusión xeral que se extrae tras o traballo con estas cinco empresas candidatas, é que o programa ExportOUSostible marcou un fito significativo guiándoas cara a un futuro máis sostible. A través de solucións tecnolóxicas e asesoramento especializado, estas empresas posicionáronse para facer fronte aos novos retos do mercado de forma sostible, beneficiando non só ás súas operacións, senón tamén á comunidade e ao medio ambiente.
Na presentación dos resultados participaron a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, entidades que puxeron en marcha esta iniciativa. Ambos coincidiron en destacar a utilidade das colaboracións público-privadas para levar a cabo iniciativas deste tipo que ‘tratan de proporcionar ás empresas ourensás as ferramentas necesarias para impulsar as transformacións que esixe a realidade actual ao tecido empresarial’ comentaba o presidente do Inorde, mentres que Marisol Nóvoa destacaba que ‘a sustentabilidade é unha carreira de fondo que hai que empezar canto antes, con paso firme, e non se trata dunha moda senón dunha obrigación que hai que asumir en todos os ámbitos hoxe en día’. A presidenta da CEO lembrou tamén que a plataforma ExportOU na que se enmarca este programa piloto (nada fai sete anos para fomentar a internacionalización empresarial) incorpora e prioriza desde este ano outras liñas de actuación como sustentabilidade, dixitalización e innovación, co fin de contribuír ao fortalecemento e competitividade do tecido empresarial.
Tamén acudiu á presentación de resultados a responsable do desenvolvemento do programa piloto, Leticia Álvarez, experta en medición de impacto e estratexias de sustentabilidade, que, ademais de ser a coordinadora das accións e asesora das empresas na súa estratexia sostible, foi a encargada de explicar ao detalle os logros alcanzados. Por último, os responsables das cinco empresas narraron as súas impresións sobre o proceso e a implantación de medidas sostibles en cada unha das súas actividades. Participaron Paula Conde e Amparo Romero por Valdeconsa, Beatriz Ferrer e Ronsel Ferradás por Frigoríficos Arcos, Abel Pascual de Gómez e Crespo, Uxía Brea de Mecanizados Rodríguez Fernández, e Araceli Fernández de Adegas Godeval.
Para comentar a parte tecnolóxica do programa interveu Daniel Martínez, confundador de YourESGadvisor, plataforma coa que traballaron as empresas para medir os seus impactos e que ofrece solucións para o manexo e arquivo de indicadores de sustentabilidade.
Conclusións do programa piloto en sustentabilidade
Este programa, que serviu para acelerar o desenvolvemento sostible en empresas ourensás a través da tecnoloxía, desenvolveuse en 3 etapas e contou como participantes a Adegas Godeval, Frigoríficos Arcos, Gómez e Crespo, Mecanizados Rodríguez Fernández e Valdeconsa; firmas procedentes de distintos sectores e localizacións pero co denominador común da súa aposta por incorporar e acelerar as metodoloxías máis adecuadas nos seus procesos produtivos para converterse en empresas sostibles.
Estas cinco empresas desenvolveron unha estratexia de sustentabilidade ambiciosa e á vez de fácil implementación, que poden ir traballando de forma moi sinxela. Utilizando a ferramenta yourESGadvisor puideron buscar e xerar de maneira eficiente os datos e KPIs ou indicadores de rendemento esenciais. Esta plataforma facilitoulles a identificación e xestión de indicadores clave de sustentabilidade, permitíndolles avanzar con confianza no seu camiño cara a un modelo de negocio máis sostible.
Tras este traballo de dous meses con axuda de asesoramento e tecnoloxía, as participantes obtiveron resultados clave en catro parámetros diferenciados. En canto a datos sostibles e pegada de carbono, as empresas comezaron a recompilar sistematicamente datos esenciais para calcular a súa pegada de carbono e intensidade enerxética, obtendo unha ferramenta crucial para mellorar a súa eficiencia enerxética e cumprir cos estándares do Ministerio de Transición Ecolóxica. En segundo lugar, a través dunha análise de materialidade, identificaron os aspectos de sustentabilidade máis relevantes para os seus negocios, enfocándose en áreas crave como a economía circular e a xestión de envases, así como na incorporación de prácticas sostibles ao longo da súa cadea de valor.
A continuación, identificaron aos seus principais grupos de interese, destacando a importancia de manter unha estratexia de sustentabilidade transparente e robusta. Isto non só mellora a competitividade, senón que tamén aliña ás empresas coas expectativas regulatorias e do mercado. Para finalizar, cada empresa participante ha desenvolto unha estratexia de sustentabilidade adaptada ás súas necesidades e obxectivos específicos, nas que incluíron accións concretas como a redución de emisións de carbono, o deseño sostible de envases e a integración da biodiversidade nas súas operacións.
En definitiva, con estas iniciativas, as empresas que apostan pola sustentabilidade non só promoven unha maior responsabilidade ambiental, senón que tamén abren novas oportunidades de negocio e melloran a reputación corporativa, a posición comercial, a minimización de riscos, o cumprimento normativo e o acceso a novas fontes de financiamento.