“Somos veciños con ganas de loitar por unha renovación do noso Concello, un equipo cercano”. Así presentaba Patricia Lamela, candidata alcaldía popular en Larouco á súa lista no mitin celebrado na tarde do 15 de maio en Larouco. Comentaba tamén que unha das principais problemáticas deste municipio é a súa perda de poboación e comprometíase a loitar contra “ese descenso do padrón, imos traballar na súa recuperación”.
Patricia Lamela, que encabeza por vez primeira a lista do PP neste concello, comezaba a súa intervención con palabras de agradecemento ao actual alcalde, Joaquín Bautista, tamén presente no acto. Ademais expoñía as liñas principais do seu programa electoral que aposta por “mellorar a conciliación familiar dos veciños coa apertura dunha Casa Niño e unha Casa do Maior”, a reforma do plan urbanístico “ampliando as zonas urbanizables”, a creación dun coto micolóxico, a bonificación da urbana “para os que teñan nenos no noso concello”, a apertura de rutas de sendeirismo para “facilitar o acceso a lugares de interese histórico do municipio”, a limpeza do monte comunal e “subvencionar a cuota de autónomos durante un ano a aqueles que queiran emprender no no noso concello”, entre outras medidas.

Lamela chamaba tamén un a un aos membros da súa candidatura para presentalos. A súa intervención ía precedida pola do actual rexedor de Larouco, Joaquín Bautista, quen expresaba o seu agradecemento aos veciños e ás administracións provincial e galega, e que destacaba de Patricia Lamela a súa “ilusión, ganas de traballar e ideas” e que conta cunha “lista de xente de Larouco”. Algo no que tamén incidía o alcalde da Veiga Juan Anta.

Tomaba ademais a palabra a conselleira de Infraestruturas e membro da xunta directiva do PPdeG, Ethel Vázquez, quen se refería á candidata indicando que “Patricia dá un paso importante, valente e xeneroso, ser alcaldesa e querer traballar polos demais e dedicarlle tempo aos demais”. O acto finalizaba coa intervención de Manuel Baltar, presidente do PP de Ourense e candidato á presidencia da Deputación de Ourense, quen lembrou “o traballo real, comprometido e riguroso de Joaquín” e salientou a “transición modélica” no caso da nova candidata do PP. Resaltaba ademais da candidatura popular de Larouco, que está “conformada por xente de aquí”.
Fotos: Carlos G. Hervella.