En portadaÚltima horaVídeos

Penedo dos Lobos (Manzaneda), un campamento militar romano cun sistema defensivo excepcional

O xacemento está sendo obxecto dunha segunda campaña de escavación para coñecer as técnicas defensivas do exército romano nesta zona do Noroeste peninsular, pero tamén reunir datos para unha potencial posta en valor futura do lugar

 

A conservación das súas estruturas defensivas é excepcional. O campamento militar romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda), dunhas 2,34 hectáreas e situado a 1483 metros de altitude, conserva as catro portas deste tipo de recintos e practicamente o perímetro da muralla defensiva, construída ademais en pedra, algo pouco habitual. “É un dos mellor conservados de Galicia. O seu sistema defensivo é excepcional. Presenta catro portas, unha muralla e outra que vai paralela á primeira, o que forma unha especie de corredor, de forma que calquera que quixera entrar no sitio tería que facer toda esa volta e estar completamente exposto aos que están dentro, polo que resulta un sistema de defensivo moi interesante. Hai moi pouquiños documentados na Península Ibérica e case todos apuntan cara o século I antes de Cristo, é unha técnica que despois desaparece”, destaca José Manuel Costa da Universidade de Salamanca, que está levando a dirección científica da escavación que se está a realizar nestes momentos no xacemento. A dirección técnica dos traballos está a cargo de Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueológos). A campaña prolongarase ata este venres 9 de setembro e está financiada por Turismo de Galicia, contando coa colaboración do concello de Manzaneda e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (Incipit).

É a segunda intervención arqueolóxica en Penedo dos Lobos, tras realizada no 2018 por parte de romanarmy.eu, logo de que o campamento fora descuberto polo veciño de Valdeorras Rubén F. Lorenzo Pérez, quen o comunicou ao colectivo de investigadores. Nesa primeira actuación identificouse e catalogouse o xacemento. Ademais atopábanse materiais asociados aos militares romanos que permitiron propoñer unha cronoloxía contemporánea ás Guerras Cántabras (29-19 a.C.), levadas a cabo por Roma para controlar as áreas aínda non dominadas na Península Ibérica. Os investigadores consideran que Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, se ben non o consideran un campamento de marcha, senón estacional, é dicir, que funcionou durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou mesmo un mes) a unha guarnición romana duns mil efectivos cuxa misión concreta aínda está por descubrir. “A identificación do campamento romano tivo un gran impacto no mundo académico e en medios internacionais, achegando unha nova visión para comprender a presenza do exército romano no actual territorio galego”, resaltan dende este colectivo.

 

 

Con esta segunda intervención que se desenvolve nestes días os investigadores buscan coñecer as técnicas defensivas do exército romano nesta zona do Noroeste peninsular, pero tamén reunir datos para unha potencial posta en valor futura do xacemento, algo no que ten especial interese o Concello de Manzaneda. Así un dos obxectivos é a obtención de mostras que permitan datar de xeito máis preciso o campamento romano.

“Queremos ver como estaba feita a muralla e tamén tomar mostras para complementar as datacións. O problema é que está todo cheo de maleza, as raíces son moi fondas, é o que habitualmente usamos para datar que é a técnica do radiocarbono, neste caso non nos valería”, comenta Costa. De aí que se aposte pola datación mediante luminiscencia, unha técnica que se basea na propiedade que posúen certos minerais (cuarzo e feldespato) de acumular cargas eléctricas na súa estrutura mineral e de liberar esas cargas en enerxía lumínica ao sometelas a un estímulo exterior. “Non datamos a materia orgánica, senón a inorgánica, fundamentalmente os grans de minerais que hai no susbrato que son cristalinos e absorben a radiación solar, son como unhas pilas que quedan cargadas e pódese saber cando se cargaron”, comenta o investigador. Neste senso, está previsto que nesta semana visite o xacemento un experto da Universidade da Coruña, Jorge Sanjurjo, para tomar mostras e realizar unhas medicións dos sedimento da zona que permitan establecer a radiación ambiental “para logo reverter o reloxo e saber o momento no que se puido construír a muralla”.

 

O investigador José Manuel Costa, explicando as características desta segunda campaña na visita realizada polo alcalde de Manzaneda ao xacemento.

 

Non se trata dunha datación tan precisa como “atopar unha moeda ou elemento que sexa moi definitorio nun contexto como este, pero sabemos que non temos a sorte de atopar moitos destes materiais neste tipo de sitios porque foron ocupados moi pouco tempo. O que queremos facer é, o mesmo que estamos facendo noutros sitios noutros contextos, é intentar documentar este tipo de asentamentos en varias zonas do noroeste para ver se o método é válido e ir refinándoo para que outra xente o poida usar tamén, é dicir, o que estamos facendo é documentar este sitio e axudar a que outros sitios poidan comprenderse mellor”, comenta o director científico da escavación.

Nos campamentos deste tipo os romanos acostumaban construír unhas defensas, unhas pequenas murallas e despois facer un foxo, buscando un desnivel o suficientemente grande para que se converta nun obstáculo. “En Penedo dos Lobos o problema é que escavar aquí un foxo leva moito tempo, moito esforzo e dá moi pouco resultado, entón o que estamos documentando en contextos de montaña e deste tipo de afloramentos é que, en lugar de ir para abaixo, constrúen muros máis altos. Neste caso temos un muro composto de varias fiadas en seco, calzadas con pedras grandes e despois reencheríano de pedra e terra, e posiblemente na plataforma o que farían era poñer outro tipo de obstáculo como unha empalizada, ramaxes… Ter este tipo de plataforma defensiva permitíalles controlar o territorio e controlar a calquera persoa que se achegase”, explica José Manuel Costa.

 

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, conversando cunha integrante do equipo de investigadores, a arqueóloga Nieves Amado.

 

Posta en valor

O Concello de Manzaneda é consciente do valor deste xacemento por iso promovía esta segunda campaña arqueolóxica. “Valoramos moi positivamente que puideran voltar aquí os investigadores, a pena é que tardaron máis de tres anos, lévase tres anos pedindo isto, é unha destas cousas que insistes insistes e ves o froito do traballo neste caso ao cabo de anos, porque esta demanda xa fora incluso ao Parlamento de Galicia e rexeitárase. E por fin agora, a través da Vicepresidencia da Xunta, estando aínda nela Alfonso Rueda, conseguiuse. Agora imos esperar os resultados da escavación e das análises que se están a realizar”, asegura o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, durante a visita que facía o 6 de setembro ao xacemento.

Ademais o rexedor adianta a intención do Concello de seguir avanzando na súa posta protección e posta en valor. “Esperamos que este sexa o primeiro paso e que poidamos continuar escavando no futuro, pero tamén coidar o xacemento, protexelo e sinalizalo e poñelo en valor”.

 

 

Por agora, un campamento illado

Da posible relación ou conexión do Penedo dos Lobos con outros campamentos ou asentamentos da zona, nada se sabe polo de agora. “De momento o campamento é un elemento illado nesta comarca, pero si que documentamos noutros sitios de toda Galicia e do norte de Portugal, campamentos pequeniños deste tamaño, 1,5 has ou 2,5 has, para unha guarnición limitada de xente pero que están sempre no mesmo tipo de lugares: zonas altas vixiando pasos entre vales, entre montañas, son como pequenas guarnicións que están controlando o terreo dunha maneira que non sabemos moi ben para que. O problema é que, se seguiron para abaixo, nas zonas dos vales todas as estruturas desapareceron, entón temos un elemento illado, sen conexión con outros que puido haber no seu momento”, indica Costa.

Pero noutras zonas de alta montaña como Asturias ou Cantabria, “seguindo os cordais si que imos documentado outros campamentos, están a xornadas de marcha, a 14 ou 15 km, vese como van avanzando. Aquí non sabemos de onde viñan, nin cara onde viñan, nin por que pero a iso poderemos respostar probablemente escavando noutros sitios, non aquí. Non sabemos que pasa nos castros da contorna de Penedo dos Lobos, non sabemos cales son as dinámicas. Iso sería unha seguinte etapa de estudo”, conclúe este investigador.

Unha obra de enxeñería romana

Malia que non presenta a monumentalidade dunha calzada, unha ponte ou acueducto romano, os investigadores resaltan a relevancia e interese deste tipo de campamentos como mostra da enxeñería romana. “As trazas que temos son moi limitadas porque é un sitio que estivo ocupado moi pouco tempo, entón a arqueoloxía que nós facemos non é moi monumental nese senso, non falamos de grandes obras públicas, senón dunha idea que se aplica de maneira constante, dunha enxeñería tamén, pero que ten unha manifestación material moito menos evidente”, matiza José Manuel Costa.

Ademais permiten reescibrir unha páxina nova relacionada coa conquista romana no noroeste. “Inicialmente moita xente non entendía este tipo de xacementos arqueolóxicos, houbo ata certo punto unha certa reacción negativa certos anos. Cando fas ciencia é normal, pero si que agora a acumulación de evidencias é tal e cando levas moito tempo traballando e escavando varios campamentos, comprobas que é unha realidade que está aí constamente replicada e que hai que darlle unha resposta, non se pode negar o que existe”, indica este investigador.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button