CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Pinturas rupestres, castros e romanización, nas “Xornadas de Arqueoloxía, Prehistoria e Historia nas Terras de Monterrei”

Neste segundo día do programa inaugurábase en Cualedro a Aula Arqueolóxica en homenaxe a Antonio Rodríguez Colmenero

 

O noutrora Centro de Interpretación dos Castros de Cualedro acollía a segunda das “Xornadas de Arqueoloxía, Prehistoria e Historia” promovidas pola Universidade de Vigo e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Monterrei. Despois da xornada inaugural no Castelo de Monterrei, arredor de medio cento de investigadores, veciños e aficionados achegáronse este sábado ao municipio de Cualedro para afondar no coñecemendo da romanización, o mundo dos castros e as pinturas rupestres descubertas na bisbarra.

Despois de varias horas de conferencias nas que se presentaron os traballos realizados nos últimos anos na zona (Castro de Saceda, Castro de San Miallo, Muro do Búbal, Lobarzán…) clausuraba a xornada o alcalde do Concello de Cualedro, Luciano Cuquejo, acompañado do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e veciño do lugar Antonio Rodríguez Colmenero.

Servindo a xornada e este acto como inauguración da aula arqueolóxica Profesor Doutor A. Rodríguez Colmenero. Equipamento recentemente reformado coa vontade de mellorar a súa funcionalidade con novos encontros entre investigadores como o que se celebraba nesa data, achegar aos máis pequenos da comarca a riqueza cultural e natural da zona.

“Dende o goberno municipal fixemos un grande investimento na reforma dun edificio infrautilizado dende hai máis dunha década para convertelo nun espazo para investigar e conservar o noso patrimonio cultural e natural, así como transmitirllo ás novas xeracións co fin de mellorar o seu recoñecemento. Esta sempre foi a filosofía do noso veciño máis ilustrado. Polo tanto que mellor nome que Profesor Antonio Rodfíguez Colmenero para tan necesaria labora”, apuntaba o alcalde do Concello de Cualedro Luciano Cuquejo ao finalizar a xornada.

 

 

Emocionado por un novo recoñecemento despois de que na xornada anterior fora agasallado pola súa infatigable labor de investigación histórica e “por facer universal a nosa serra do Larouco”, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero quixo convidar ao público asistente a proseguir coa súa actividade investigadora. “Moitos de vós sodes alumnos universitarios, outros colegas investigadores e outros aficionados da historia. A todos quero convidarvos a afondar no coñecemento das nosas raíces e namorarvos da riqueza do noso territorio. Vivimos nun lugar fermoso e cheo de recursos que se somos quen de ver o mundo enteiro ansiará descubrilos”, concluía o homenaxeado reclamando a necesidade de que o castelo de Monterrei conte cun museo que permita interpretar a riquísima historia da comarca.

 

 

A xornada pechábase coa presentación do documental biográfico “Colmenero, o sabio de Lucenza”, dirixido polo historiador Alberte Reboreda, e que xunto co resto de ponencias das xornadas serán accesibles no repositorio dixital da televisión da Universidade de Vigo.

Artigos relacionados

Back to top button