O Polígono de San Cibrao das Viñas converterase no nexo galego entre formación, investigación, transferencia de coñecemento e necesidades reais das empresas grazas ao convenio marco que asinaron hoxe, 18 de xullo, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera. Este acordo “exemplar, práctico e moi creativo”, en palabras de Elías Mera, terá unha duración (prorrogable) de catro anos e establece as pautas que regularán unha colaboración de primeiro nivel entre as empresas do polígono e a UVigo.
O presidente da Asociación de Empresarios lembrou que este acordo dá continuidade á relación de intercambio e colaboración mutua iniciada en decembro do pasado ano, cando o Polígono de San Cibrao converteuse na primeira entidade en acoller o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo fóra dos tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra).
Mera lembrou que na recente asemblea anual da Asociación lle transmitiu ás empresas a sinatura deste convenio marco e recoñeceu a “ilusionante tarefa” de contribuír na orientación laboral e profesional dos universitarios, “e máis nestes tempos de forte especialización das universidades”, dixo.
Pola súa parte, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, afirmou que o obxectivo do convenio coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao é “ofrecer un marco de colaboración que nos permita avanzar xuntos”, e sinalou que o reto das Universidades é “achegármonos ao territorio e aos empresarios”, facendo accións que permitan ao alumnado “prepararse mellor para mergullarse no mercado laboral”. Mato referiuse ao Polígono de San Cibrao como “un dos máis importantes de Galicia” e asegurou que o Campus de Ourense contan cunha fortaleza e un futuro consolidados”.