
A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, na súa condición de presidenta do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e, o alcalde do Barco, Alfredo García, asinaban esta semana un convenio para a financiación do remate das obras de ampliación da Escola Infantil Municipal do Barco.
O acordo supón que a Xunta contribuirá ao financiamento cun “máximo de 90.000 euros, mentres que o resto do importe, ata chegar aos 250.000 euros necesarios para a finalización dos traballos, serán asumidos polo Concello”, tal e como se se informa dende esta administración local.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e o Concello do Barco de Valdeorras xa asinaran un convenio de colaboración para o financiamento das obras de ampliación da Escola Infantil no ano 2016, e unha addenda no 2018, o que significou unha achega total de 150.000 euros por parte da Xunta.
Tendo en conta que a obra, na súa totalidade, supón un investimento maior do inicialmente previsto, acordouse a sinatura dun novo convenio entre as partes co fin de posibilitar o remate das obras de ampliación. Finalmente, todo o proxecto para a ampliación deste edificio terá un custo de algo máis de 500.000 euros, segundo informa o Concello do Barco.