CulturaCulturaÚltima hora

“Polo dereito a vivir na aldea”, lema dunha xornada que se celebrará na Teixeira o 27 de decembro

 

O vindeiro 27 de decembro a Asociación cultural Silamouras, do concello de A Teixeira, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, organizará unha xornada baixo o lema “Polo dereito a vivir na aldea”. O obxectivo da mesma é abrir un diálogo entre a Universidade e a poboación do municipio sobre urbanismo e paisaxe. “Abordaranse cuestións como a percepción da paisaxe por parte dos habitantes da zona, a escaseza de vivenda en alugueiro fronte á abundancia de casas baleiras, a conservación patrimonial ou a presión do turismo atraído pola marca Ribeira Sacra”, segundo avanzan os organizadores.

Por parte da ETSAC asistirán á xornada o seu director, Plácido Lizancos, e a coordinadora pola Universidade da Coruña do Grao en Paisaxe, Cristina García Fontán.

A xornada consistirá nun itinerario en vehículos particulares percorrendo algúns puntos significativos dos concellos de Castro Caldelas (cabeceira da comarca), Montederramo e A Teixeira, visitando a vila de Castro Caldelas, algunhas aldeas de montaña fóra dos circuítos turísticos, e aldeas de Ribeira que reciben unha importante afluencia de visitantes, coa intención de debuxar un panorama de conxunto da zona, e dar a oportunidade ás participantes de comunicar o seu punto de vista aos expertos da Universidade. A continuación celebrarase un xantar que finalizará cun coloquio.

O itinerario circular sairá do lugar de Abeleda no concello da Teixeira. A recepción de visitantes será a partir das 10:30 da mañá, regresando ás 14:30 para o xantar. A participación é aberta a calquera persoa interesada, aínda que é preciso reservar o xantar, antes do venres 23, no teléfono 606 42 53 63.

“O concepto de Xustiza Espacial abre novas posibilidades teóricas de análise dos procesos ben coñecidos de despoboamento e a consecuente falta de servizos en zonas periféricas. Constitúe tamén un enfoque válido para interpretar os procesos de cambio de usos nas paisaxes agrarias”, din as entidades organizadoras que, coa celebración desta xornada, agardan establecer canles estables de colaboración que acheguen a investigación académica ás necesidades da veciñanza na Galicia interior.

Artigos relacionados

Back to top button