SanidadeÚltima hora

Ponse en marcha a nova unidade móbil de doazón de sangue de Ourense, que reforzará o servizo nesta área sanitaria

A persoa doante recibe agora unha mensaxe no momento no que o seu sangue é utilizado para tratar a un paciente

 

Avanza a renovación do parque móbil galego de doazón de sangue coa posta en marcha da nova unidade que reforzará o servizo na área sanitaria de Ourense, que comezaba a funcionar nesta semana en probas e a partir do luns incorporarase xa ao servizo normal. O acto de presentación desta unidade tiña lugar esta mañá nun acto que contaba coa presenza do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; pola directora de ADOS, Marisa López, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Os 353.000 euros investidos nesta unidade e a adquisición dunha nova para Lugo neste ano, “elevarán o investimento total desa renovación a case dous millóns de euros nos últimos catro anos”, sinalaba o conselleiros. En concreto, no ano 2018 adquiríronse dúas novas unidades para as áreas de Santiago e Pontevedra e, posteriormente, incorporouse outra para a de Vigo. No ano 2021 adxudicouse unha nova para a área da Coruña.

Esta nova unidade móbil, que ten unhas dimensións de 12,2 metros de lonxitude e 3,4 de altura, está dividida en tres áreas diferenciadas: un espazo de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas e unha zona de refrixerio. Ademais, salientar que o vehículo foi rotulado na parte exterior de xeito innovador, convidando de maneira visual á cidadanía a colaborar de forma activa nas campañas de doazón, tal e como indica o lema de ADOS: “#Súmate ao noso equipo”.

Xunto ao anterior, conta con subministración eléctrica autónoma e sistema de climatización, así como a última tecnoloxía para garantir a máxima seguridade e confort dos cidadáns que realizan a súa doazón de sangue. Neste senso, subliñar que foron reforzados todos os equipamentos de seguridade, activos e pasivos, que se poden ofrecer na actualidade. Con esta nova unidade, xa son preto de 15 os vehículos que recorren diariamente os concellos galegos destinados a atender as necesidades da doazón de sangue.

Mensaxe aos doadores

O conselleiro remarcaba que, en determinadas épocas do ano, pode que baixe o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que necesitan os centros sanitarios. “Cando temos problemas de reservas apelamos á xenerosidade e altruísmo de toda a cidadanía para que contribúan a incrementar as reservas de sangue, e o certo é que a cidadanía galega sempre cumpre. Por iso quixemos poñer en valor a solidariedade amosada por todas e todos os doantes mediante o envío dunha mensaxe ás persoas que participen de xeito voluntario nas campañas de doazón”.

Así, -tal e como explicou Comesaña-, para reforzar ese vínculo entre a cidadanía e a sanidade pública que recibe a súa doazón, “o doante recibe agora unha mensaxe de agradecemento no momento no que se empregue a súa doazón para tratar un paciente do Sergas. É unha novidade coa que a Xunta quere facer máis visible ante a cidadanía o resultado da súa xenerosidade”.

Galicia, entre as comunidades con maior taxa de doazón

O máximo responsable do Sergas incidiu en que Galicia ten unha taxa de 40 doazóns por cada mil habitantes e ano, “o que significa que estamos dentro dos índices recomendados pola OMS e entre as comunidades con maior taxa”. En concreto, no ano 2022, a cidadanía galega realizou máis de 106.000 doazóns. “Non se trata soamente de cifras, senón que estas doazóns conducen a diversas actuacións hospitalarias. Grazas a elas é posible atender milleiros de intervencións cirúrxicas, centos de transplantes de órganos e centos de milleiros de urxencias hospitalarias. Actuacións que puideron salvar vidas e mellorar de xeito radical a saúde dos pacientes”.

Ademais, “boa parte do uso dos compoñentes sanguíneos destínase a pacientes crónicos e oncolóxicos; e o 80% das doazóns que se efectúan cada ano realízanse a través destas unidades móbiles, algo que hai que agradecerlle a profesionais e cidadanía”, engadía García Comesaña.

E remataba a súa intervención indican que, “por un lado, temos que darlle os parabéns ao persoal de ADOS, un equipo humano de centos de profesionais que desenvolve un traballo fundamental para a sanidade pública galega e que lle agradecemos; e, por outro, aos milleiros de persoas que doan sangue cada ano en Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button