A Pobra de BrollónConcellosÚltima hora

Ponse en marcha un novo albergue no Camiño de Inverno, o da Pobra do Brollón

 

A Pobra do Brollón xa conta con albergue municipal. A iniciativa xorde como un recurso para peregrinos do Camiño de Inverno, aínda que tamén para turistas e visitantes en xeral. Trátase dunha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón financiada con fondos propios, fondos Agader e da Deputación Provincial de Lugo. Tras acondicionar o espazo no antigo edificio do colexio e acordar a concesión da xestión, o novo albergue foi inaugurado o pasado sábado nun evento organizado pola súa xestora, Anabel Alves.

O alcalde da Pobra do Brolló,  Xosé Lois Maceda, destaca a importancia do albergue para o desenvolvemento económico do municipio. “Estamos moi satisfeitos con contar por fin con albergue propio. Será un revulsivo para a economía local a través da dinamización turística, facilitando que A Pobra do Brollón sexa fin de etapa do Camiño, pero tamén creando un recurso para calquera persoa que desexe visitar o noso municipio”.

O albergue está situado na Avenida de Outeiro, ao carón do colexio da Pobra do Brollón, a uns 200 metros do Camiño de Inverno. Conta con 36 prazas repartidas en dúas habitacións; unha sala de estar con butacas, mesas, microondas e neveira; tres aseos con duchas (incluído un aseo adaptado); unha zona de lavandería e secado, e un espazo exterior con árbores. Tamén hai un punto de venda de produtos locais.

 

 

O prezo son 12€ ou 15€ en tempada alta, prezo que inclúe roupa de cama e toalla, e unha bebida quente ao día seguinte. A maiores, ofrécese servizo de almorzo, xantar e cea. No futuro próximo, vaise ofrecer servizo de aluguer de bicicletas, así como actividades turísticas e lúdicas.

A páxina web do albergue estará dispoñible esta semana. As persoas interesadas tamén poden contactar por teléfono (609490941), email (albergueapobradobrollon@gmail.com) ou en Instagram (@albergueapobradobrollon).

Artigos relacionados

Back to top button