EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Pregón de Lucía Rodríguez e entrega de premios aos mellores viños, na XLIV Feira do Amandi en Sober

 

O Concello de Sober está a celebrar neste 24 de marzo o día grande da XLIV Feira do Viño de Amandi, coa asistencia de miles de persoas. “Fai 44 anos que o Domingo de Ramos ten para as veciñas e veciños de Sober, color, olor e sabor a festa e a viño. Esta Festa-Feira, como me gusta a min chamarlle”, dicía o alcalde soberino, Luis Fernández Guitián xunto á pregoeira desta edición, a presentadora Lucía Rodríguez, “hai que desfrutala, e para elo, o mellor é vivila; sodes moitos os que marcades a data no calendario, e repetides sempre, como me consta que fai a nosa pregoeira. Os que vos achegades por vez primeira seguro que xa estades pensando en volver; aquí non só degustades o mellor viño do mundo na mellor compañía; compartimos viño con música”.

Ademais, na súa intervención, o rexedor poñía en valor a cultura vitivinícola desta zona. “Sen dúbida o traballo secular dos viticultores de Amandi e de toda a Ribeira Sacra foron clave no mantemento dunha paisaxe de ensoño da que gozamos os que aquí vivimos, e cada vez máis, queren desfrutar xentes de diferentes partes do mundo”. E indicía en que esta feira do viño “é unha realidade grazas ás mulleres e homes que traballades as viñas con heroicidade e elaborades un produto único e excepcional que xa está presente nas cartas dos mellores restaurantes e cada ano acada sobresaíntes puntuacións nas máis destacadas guías de viños e nos concursos internacionais máis sobranceiros do sector. Sodes os mellores e as mellores embaixadoras desta terra”. Fernández Guitián concluía agradecendo o labor de todos os que fan posible esta mostra e animando aos asistentes a desfrutar “do Amandi, de Sober e do conxunto da Ribeira Sacra” e, de xeito especial, aos viticultores, por “facer de Sober e da Ribeira Sacra un territorio vivo; unha herdanza inigualable que recollemos dos nosos devandeiros; e os que temos responsabilidade debemos salvagardar para futuras xeracións”.

 

 

Pola súa banda, a pregoeira comezaba asegurando que “son 100% Ribeira Sacra, xa que o meu pai é de Neiras e a miña nai de Castro Caldelas” e que leva toda a súa vida “percorrendo a Ribeira Sacra dun lado a outro do Sil”. Destacaba así mesmo que este pregón supón todo un agasallo para ela e resaltaba o esforzo e traballo das persoas vinculadas ao viño deste territorio que “fan posible que o nome da Ribeira Sacra chegue a todos os recunchos do mundo vencellado a varios adxectivos: excelencia, calidade, heroicidade… Un aplauso para todos eles”. E, facía unha mención especial aos “nosos antergos”, rematando cun “viva o viño de Amandi. Viva Sober. Boa festa!”.

A continuación dábanse a coñecer os gañadores da edición deste ano foron:

Tinto xoven (son os tres gañadores):
– Marcelino Mencía 2023 (Adega Marcelino)
– Val da Lenda Mencía 2023 (Adega Val da lenda)
– Cardenal Rodrigo de Castro Mencía 2023 (Adega Soutelo)

Mellor branco xoven:
Don Bernardino Godello 2023 (Adega Don Bernardino)

Mellor rosado xoven:
Tareixa 2023 (Adega A Carqueixa)

Mellor tinto barrica:
Garoubas 2021 (Adega A Caqueixa)

Mellor tinto doutras colleitas:
Don Bernardino mencía 2022 (Adega Don Bernardino)

Todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da Feira, o vilalbés Eduardo Pérez Baamonde.

O Concello homenaxeado na Feira deste ano foi o do Pereiro de Aguiar, representado polo seu alcalde, Luis Menor.

Artigos relacionados

Back to top button