EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Prescritores especializados percorren o territorio da D.O. Monterrei

Prescritores participantes na viaxe./ Foto cedida.

O Consello Regulador, continuando coa aposta pola promoción e desenvolvemento de negocio das adegas e os seus viños, vén de organizar a visita dunha delegación de prescritores cataláns. Nela participaban seis profesionais, en que os que atopaban Anna Vicens (presidenta da Associació Catalá de Sommeliers), Frédéric Galtier (embaixador CMB /articulista revistas de Francia e Bélxica), Laura Morais (redactora xefa de Vinos y Restaurantes), Ramón Francàs (xornalista de viños de La Vanguardia), Ruth Troyano (xornalista especializada en turismo enolóxico) e Xavier Nolla (director EnoAula e de actividades de Barcelona Wine Week).

Entre as actividades das que formaron parte figuraban tres túneles de viño (‘Vales’, ‘Anadas eméritas’ e ‘Variedades’) e unha visita ao lagar rupestre Xan Preto. Ademais, estes xornalistas especializados puideron coñecer cinco adegas da denominación (Daniel Fernández, Terras do Cigarrón, Triay, Ladairo e Gargalo), onde descubriron os seus viñedos, instalacións e viños máis característicos.

“Trátase da terceira iniciativa destas características realizada este ano, e como nas anteriores, foi todo un éxito, xa que nos permitiu mostrar nesta ocasión a vendima e os procesos de recolección e elaboración relacionados con ela”, manifesta o presidente do CRDO Monterrei, Jonatás Gago.

“Ademais, con estas accións amosamos a nosa historia e tradición vitivinícola, características edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxía de viños, así como o traballo realizado polas cinco adegas participantes na devandita iniciativa promocional”, conclúe o presidente.

Artigos relacionados

Back to top button