A produtora Portocabo, cuxo director xeral é o valdeorrés Alfonso Blanco “Fosco”, e RTVE veñen de asinar un acordo para coproducir ‘Argonautas’, a súa primeira serie infantil de imaxe real para a canle Clan, nunha aposta por descentralizar a produción e abrindo novas vías de coprodución. A serie contará co apoio da AGADIC (Xunta de Galicia) e rodarase este verán na cidade da Coruña e en Laxe.
‘Argonautas’ é unha serie aspiracional (20 episodios de 22’), na que unha cuadrilla de cinco amigos vivirá un verán incrible. Xuntos veranse inmersos nunha gran aventura enfrontando perigos e descubrindo o valor da amizade. A serie está inspirada en grandes clásicos da literatura e o cinema como ‘O club dos cinco’ ou ‘Os Goonies’, adaptados ao século XXI.
A presentación da serie tiña lugar esta mañá no Museo de Belas Artes da Coruña e contaba coa asistencia de Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE e Clan; e Alfonso Blanco, CEO de Portocabo e produtor executivo da serie; Román Rodríguez, conselleiro en funcións de Cultura e Educación da Xunta de Galicia; Jacobo Sutil, director de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais); José Luis Pérez Añón, alcalde de Laxe; Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña; xunto con Lucía Estévez e Toño López, que serán os directores da serie.
Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE e director de Clan, destacou o interese da corporación por realizar este tipo de producións: “historias orixinais, rodadas en España, series que achegan un punto de vista fresco e representan valores propios dunha televisión pública”. A serie, producida en Galicia, é unha aposta da canle por abrir o abano a novas producións en diferentes rexións; unha declaración de intencións por parte da corporación, abríndose así outros camiños para a produción de series infantís españolas por parte de RTVE. Ademais, quixo salientar que ‘Argonautas’ “non se poderá ver só en España, senón tamén en Clan Internacional, que cubre toda América”.

Alfonso Blanco, o produtor executivo da serie e director xeral da galega Portocabo, expuxo o interese da produtora por producir series infanto-xuvenís en imaxe real, un formato con escasa presenza no mercado español pero que ten un enorme potencial e xa levantou interese en grandes distribuidores a nivel mundial. “Ter unha oportunidade como ‘Argonautas’, creada e producida desde Galicia é gran un logro para a produtora, na que buscamos facer proxectos dende aquí con capacidade para viaxar”, afirma Blanco, que vén de producir series como ‘The Avatars’ e ‘Miracle Tunes’, dúas series kids live action de gran repercusión.
Ademais, Blanco quixo salientar tamén que, de 14 xefaturas de equipo, 11 están ocupadas por mulleres, feito que o “ilusiona e anima a seguir traballando na liña na que o fai Portocabo”.
A ficción contou co apoio do HUB Audiovisual da Xunta de Galicia xestionado por AGADIC. Román Rodríguez, conselleiro en funcións de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, contou que se trata dunha medida específica que ofrece unha inxección económica para as produtoras independentes galegas algo que, ademais de atraer rodaxes á comunidade autónoma, aumenta a competitividade e fortalece o tecido audiovisual galego. Trátase dunha operación financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de desenvolvimiento Rexional (FEDER), como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do COVID-19.
Ademais, tamén quixo poñer en valor o “traballo feito en Galicia, onde os nosos produtos audiovisuais chegan ás principais plataformas e canles internacionais froito do talento que temos no territorio”.
Fotos: Rocío Cibes.