CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o fotolibro de Felipe Romero, gañador do VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O acto tiña lugar este xoves 29 de outubro na Galería Marisa Marimón de Ourense coa asistencia do autor, do coordinador do premio Vítor Nieves e do editor Xosé Lois Vázquez

O autor  acompañado polo coordinador do Premio Galicia de Fotografía Vítor Nieves e polo editor Xosé Lois Vázquez. /Foto cedida.

 

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea nacía ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de “situar á Galiza no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea”. Co proxecto gañador, en cada edición prodúcese unha exposición que itinera durante dous anos e editase un libro.

Sete anos despois, a Galería Marisa Marimón de Ourense acollía este xoves 29 de outubro, o acto de presentación de Redución, VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea a publicación que recolle as imaxes do ensaio homónimo que se ergueu co recoñecemento do xurado do Premio galego na súa última edición.

Tal como explican dende a organización, trátase da tradución a libro do ensaio fotográfico de Felipe Romero Beltrán co que “indaga os procedementos de arresto e sometemento policial de persoas migrantes no Estado Español. Un traballo en varias capas que parte da situación vivida en carne propia”. O libro, dividido en capítulos, mostra documentos e manuais da Policía Española ao que o autor tivo acceso e onde se narran esquemas de redución, un segundo capítulo no que o autor fai un mapeado das “Zonas Quentes”, é dicir, aquelas ruas que son frecuentemente patrulladas para evitar a presenza de persoas migrantes, e por último, a través de escenificacións feitas con dous homes migrantes, móstranos a violencia que o Estado exerce sobre eles.

 

Intervención por videoconferencia do secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenxo. /Foto cedida.

 

Redución é un proxecto comprometido que pretende “a reflexión sobre os Estados que construímos e as democracias actuais” o que non deixa de ser “unha crítica a un Sistema que ás veces, sen decatarnos, pode ser moi violento”, dixo o autor, acompañado na presentación polos organizadores e editores Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves. O acto contou coa asistencia telemática do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quen destacou o papel do Premio Galicia como “un proxecto necesario para a fotografía, un proxecto feito na Galiza, mais con vocación internacional”, poñendo de manifesto a “importancia da impecable publicación, que coloca o nome do noso país en portada, un proxecto en chave contemporánea feito desde aquí para o mundo”.

Na intervención de Xosé Lois Vázquez, editor do libro debulláronse os aspectos editoriais do deseño da publicación “pensado para acentuar a idea do autor, no que cada parte do fotolibro ou cada material utilizado ten que ver coa historia e coa propia linguaxe do proxecto fotográfico”. Pola súa banda, Vítor Nieves (curador e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea) percorreu os “7 anos de Premio que deron 8 libros e 8 exposicións coas súas correspondentes itinerancias de traballos fotográficos completamente diferentes nun proxecto consolidado, o que se fai ver na crecente calidade dos ensaios fotográficos apresentados ano após ano”.

Artigos relacionados

Back to top button