PolíticaÚltima hora

Primeira reunión do grupo parlamentario do BNG, do que forma parte a ruesa María Albert

Estaba presidida por Ana Pontón e nela abordábase a folla de ruta que pretende seguir esta formación no Hórreo

 

Neste martes tiña lugar a primeira reunión do grupo parlamentario do BNG, do que forman parte tres ourensáns: Noa Presas, Iago Tabarés e a ruesa María G. Alberto. O encontro estaba presidido pola portavoz nacional da formación, Ana Pontón, que se converte na primeira muller líder da oposición na historia da Cámara galega. Na xuntanza Pontón deixaba clara a folla de ruta que pretende seguir o BNG no Hórreo: “traballar no importante: darlle solucións aos galegos e as galegas preocupadas pola crise sanitaria da COVID-19 e pola crise económica, cun obxectivo moi claro, erguer Galiza no ámbito sanitario e no ámbito económico”. Será ademais, tal e como matizaba, un traballo “desde o rigor e desde o entusiasmo” nun momento de emerxencia no que, máis que nunca, “a política ten que estar á altura”.

Con ese obxectivo, comprometeu un traballo parlamentario que terá como prioridade “erguer Galiza” no sanitario e no económico e, nesa dirección avanzou as primeiras propostas do Bloque para dar resposta a ese binomio saúde-emprego que preocupa á maioría social.

 

María Albert, a segunda pola dereita na parte superior, durante o encontro co grupo parlamentario do BNG en Santiago.

 

Sanidade pública

Así, a formación nacionalista pon sobre a mesa un plan de reforzo da atención primaria, con máis recursos e con máis persoal, tendo en conta que debe xogar un papel clave na loita contra os rebrotes do coronavirus, unha atención primaria á que se lle adxudica tamén o papel de rastrexo na evolución da pandemia.

“Hai que dotar de medios á sanidade pública para poder facer o rastrexo de casos porque estamos vendo que os rebrotes son unha realidade que vai a máis e temos que ter medios”, explicou, tras volver facer un chamamento á responsabilidade.

Fondo europeo de rescate

En relación a reactivación económica Pontón considera vital que Galiza reciba a parte que lle corresponde do fondo europeo de rescate COVID19 dotado con 140.000 millóns de euros, sen agravios nin discriminacións, e para iso, man tendida para lograr un acordo de país.

“É unha cuestión crucial e temos que ter unha posición de país para afrontar ese debate porque non podemos permitir que nós recorten os fondos de cohesión, os fondos da PAC, os fondos de transición enerxética sen ter ningún tipo de compensación. É urxente que haxa unha posición de país que evite calquera tipo de discriminación na distribución dese fondo europeo de rescate e debemos ter un acordo que nós permita preservar os nosos intereses”, explicou.

Plan de rescate do sector comercio

Entre as propostas en materia económica, o BNG aposta por deseñar e poñer en marcha un plan de rescate do sector do comercio e do sector servizos ligado á hostalería e ao turismo, polo seu enorme impacto no emprego, nun contexto no que xa hai miles de persoas en ERTE.

“O BNG vai facer unha oposición rigorosa, a pé de rúa porque é máis importante que nunca que a política se poña ao servizo da cidadanía preocupada polo que pasa coa súa saúde, o seu emprego e co seu futuro”, destacaba Pontón, “nesa liña imos traballar porque requírese que a política estea á altura do momento, imos poñer as nosas ideas ao servizo do país e dependerá de quen ten a maioría aceptar a man tendida e orientar a política económica e social. Estamos a disposición dos galegos e das galegas”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button