A través dunha nota de prensa conxunta, o PSdG, PP e BNG do Barco veñen de informar de que neste martes denunciaron no Cuartel da Garda Civil a destrución de carteis electorais colocados polos tres partidos en diferentes puntos da localidade. Os destrozos rexistráronse durante a fin de semana, e afectaron á cartelería das tres formacións políticas.
Os tres partidos condenan “firmemente estes feitos, que claramente son premeditados e demostran o talante antidemocrático e incívico dos autores. Á marxe das consecuencias legais que poidan ter os actos de vandalismo denunciados, supoñen un atentando contra a esencia mesma da democracia, demostrando intolerancia e nulo respecto ao sistema electoral do noso país. Este feito non é illado, senón que se ten reproducido nas últimas campañas electorais, demostrando unha total falta de respecto que non debe tolerarse no marco da nosa democracia”.
Así mesmo, as tres formacións lembran que, “de acordo co artigo 144 da “Ley Orgánica de Régimen Electoral General (LOREG)”, considérase infracción electoral grave “o impedimento ou perturbación grave de calquera acto electoral”, castigado con unha multa de 300 a 3.000 euros. Esta disposición pode aplicarse aos casos de vandalismo e danos significativos aos carteis electorais, como o ocorrido no Barco”.
Tamén aseguran no seu comunicado que “o vandalismo en xeral ou destrución da propiedade allea, na que poden incluírse os carteis electorais, está tipificado como delito no Código Penal español, especificamente no apartado relativo aos danos (artigo 263 e seguintes), pudendo implicar penas de prisión ou multas, segundo a gravidade dos danos causados”.
Fotos cedidas.
