Cunha ruta a cabalo ás 9:30h. encetábase o programa da IX Qui-Roma Festa Castrexo Romana, na que a vila de Quiroga rende tributo ao seu legado imperial. Ás 11h. poñíase en marcha o Mercado Qui-Romano na Via Rex (rúa Real da vila). Nesa zona poderán verse ao longo do día demostracións de artesanía e traballos de aramio. Ademais había animación musical e tamén a partir das 11h. actividades infantís centradas na creación de xoias, escudos e espadas. Tampouco faltarán os inchables de balde.
Ás 11:30h. podía verse o desfile da Garda Romana Lucus Equites pola Via Rex e ás 12h. está prevista unha batucada na praza da Via Lacus (rúa Lago), onde despois tamén actuaba a citada garda romana.
Pola tarde, haberá exposición dos bois de Mario Nogueira, unha escola de pequenos gladiadores qui-romanos, un bingo, así como un novo desfile da garda romana ás 19h. e un espectáculo circense de malabares e lume na Praza da Via Lacus.
Ás 20:30h. chegará outro dos momentos máis agardados: o desfile Qui-Romano Arde Loucos pola vía Rex, coa participación da garda romana, os bois de Mario Nogueira e de todos aqueles que se queiran sumar. A saída farase dende a Casa da Cultura e o percorrido rematará xunto ao auditorio.
Fotos: O SIL.

