
Na mañá deste mércores 27 de xuño, dous días despois de entrar na fase 2 da desescalada, tiña lugar en Quiroga a primeira das feira dende que o Goberno decretara o Estado de Alarma. Pasaron xa máis de dous meses sen poder ter lugar estas citas que se celebran os días 10 e 27 de cada mes.
O Concello de Quiroga autorizaba a semana pasada a realización de feiras e mercados tradicionais (despois de que se lle permita ás administracións locais decidir a súa apertura) e establecía uns requisitos mínimos de distanciamento entre os postos co fin de garantir a seguridade e a distancia entre traballadores, clientes e viandantes. Á vez, daba preferencia a aqueles postos de venda de produtos alimentarios e de primeira necesidade.
Precisamente estes postos eran os que se situaban esta mañá no recinto feiral. Vendedores de produtos de alimentación, de plantas de horta e postos de polbo foron os que acudiron a unha feira menos concorrida do habitual.
Dende o Concello de Quiroga apelaban unha vez máis á responsabilidade tanto de tendeiros como de clientes para cumprir a normativa marcada nesta nova fase de desescalada e de volta a unha relativa normalidade e recordaban a importancia de manter a distancia social.