ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga conmemorará o Día da Muller Rural e o Día do Cancro de Mama

 

O Concello de Quiroga a través do Centro de Información á Muller (CIM) desenvolve un proxecto fotográfico denominado “Mulleres da Vila”. Trátase dun reportaxe fotográfico das mulleres emprendedoras desta localidade. Quince foron as mulleres empresarias que participaron na elaboración deste reportaxe fotográfico que quedará na súa propiedade, e para o que se comprometeron a elixir unha das fotos coas que se sintan máis representadas para a súa exposición.

Este proxecto “pretende visibilizar ás mulleres emprendedoras e empresarias do municipio de Quiroga como recoñecemento a ese plus de valentía que ten o iniciar negocios en lugares pequenos”, tal e como destacan dende o CIM. Presentarase o día 15 de outubro, coincidindo co Día da Muller Rural, na sala de exposicións Manuel María, a partir das seis da tarde.

Andaina solidaria contra o cancro de mama

O Centro de Información á Muller tamén ten organizada outra actividade para este mes de outubro, trátase da andaina solidaria contra o cancro de mama que realizan en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro.

Esta ruta benéfica partirá dende as inmediacións do Auditorio Municipal para recorrer o paseo fluvial do río Quiroga e rematar novamente no punto de partida. Ao inicio da andaina o día 19 de outubro, ás 17h., recolleranse donativos e poñeranse á venda camisetas solidarias para recadar fondos que se entregarán a AECC na súa sede de Lugo.

Artigos relacionados

Back to top button