ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga despregará un amplo abano de actos culturais entre marzo e xuño

O Concello vén de presentar o folleto que reúne este completo programa de actos

Imaxe promocional do espectáculo “O estrano caso do dentista da rúa Brasov” , unha das propostas incluídas no programa./ Foto cedida.

 

O Concello de Quiroga vén de presentar a súa programación de actividades entre os meses de marzo e xuño. Este amplo e variado conxunto de actos lúdicos e culturais que se ofertará para todos os veciños vén de recollerse nun folleto.

“Dada a situación sanitaria, aínda que é boa, non se farán actividades que supoñan a xuntanza dun número importante de persoas. Nas que se realicen en interior manterase o límite de aforo permitido en cada momento”, explican dende o Concello de Quiroga.

Entre os actos previstos figuran espectáculos de animación de rúa, exposicións, teatro, contacontos, accións formativas, bingos no Centro Social, andainas, e concursos de debuxo, fotografía, narración e xogos de busca con pistas serán a maioría das actividades que se ofertan neste meses de primavera.

Haberá dúas datas especiais nestes meses. “Unha delas a Feira do Viño e a outra a Mostra do Aceite. Ningunha delas se celebrará como se fixo tradicionalmente nesta época, pero haberá distintas actividades que servirán unhas para lembrar a Feira do Viño e outras para conmemorar a XX Mostra do Aceite de Quiroga. Tamén se conmemorará o Día das Letras Galegas e a Noite de San Xoán”, indican dende o Concello de Quiroga.

Así mesmo o programa inclúe cursos de limpeza industrial, estimulación cognitiva, tecido e macramé. Este conxunto de actividades previstas “está suxeito a cambios ou supresión de actividades tendo en conta a situación da Covid-19 en cada momento”, matizan dende o Concello de Quiroga.

 

Artigos relacionados

Back to top button