Deportes

Recepción da Selección Española de fútbol sala en Ourense

As entradas para o amistoso contra Exipto xa están á venda por cinco euros
Recepción á Selección Española de fútbol sala.
Recepción á Selección Española de fútbol sala.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, actuou esta mañá como anfitrión da cidade recibindo no Pazo Provincial aos xogadores e ao corpo técnico da Selección Española de fútbol sala. O equipo prolongará a súa estancia até o vindeiro 29 con motivo do partido internacional que disputará contra a Selección de Exipto.

O evento deportivo será o día 28 ás 20:30h no Pazo dos Deportes Paco Paz. Trátase do primeiro encontro de preparación para o Mundial de Colombia que se celebrará no mes de setembro.

Fernández agradeceu a súa presenza en Ourense, cidade que “ten unha gran tradición de fútbol sala”, sinalou e lembrou a importancia deste encontro por ser o primeiro de preparación para o mundial. “Non se gaña xogando os partidos da competición, senón nas semanas previas de preparación”, afirmou.

No acto tamén estiveron presentes o vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, o deputado provincial de Deportes, Juan Anta, o de Cooperación, Pablo Pérez, o asesor de deportes da Deputación, Bernardino González, o responsable da área de fútbol sala da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto e o delegado da Federación Galega de Fútbol en Ourense, Raúl Rois.

As entradas están dende hoxe á venda no Centro Cultural Marcos Valcárcel e no Pazo dos Deportes Paco Paz. Terán un custo de cinco euros para maiores de 16 anos, dous euros para os rapaces de entre seis e 16 anos e entrada gratuíta para os menores de seis.

Os xogadores da selección adicarán a xornada de mañá a asinar autógrafos aos afeccionados, nun encontro que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, entre as 13:30 e as 14:15 horas.

Artigos relacionados

Back to top button