Un dos rituais propios do Entroido en terras de Chandrexa de Queixa, e máis en concreto na aldea de Espasa, era a corrida do galo e estaba vinculada á escola. Na pasada fin de semana as nais dos nenos de Chandrexa recreaban esa antiga celebración, que deixaba de facerse hai décadas, dun xeito simbólico.
Nunha fermosa gaiola preparada para a ocasión, os nenos facían un percorrido co galo arredor do antigo colexio e, xa no colexio, liberábano no patio e logo volvíano meter na gaiola.
A continuación facíase unha merenda para nenos e acompañantes con bica e chocolate. Pero antes diso, dábase lectura ás coplas do testamento do galo en verso e tono satírico, lidas polos cativos.
Fotos cedidas.