
Xa dende esta madrugada, cando tiñan noticia do incendio no edificio do Casino do Barco, a directiva desta entidade desprazábase ata o lugar e poñíase a traballar para buscar solucións e tratar de retomar a actividade o antes posible.
“Empezamos a traballar xa dende hoxe ás 3:30h. cando nos dixeron que estaba ardendo, agora estamos esperando o informe dos técnicos para que o seguro perite e para realizar as obras necesarias para refacer e restaurar o que sirve co fin de volver á actividade o máis pronto posible. Isto é unha cousa allea a nós, nós somos afectados, o problema provocouse no restaurante que temos alugado a un inquilino e dende aí subiu, pola cheminea, o lume ao tellado e ardeu a cuberta”, explica o presidente do Casino do Barco, Pablo Dobao.

Ademais, explica que, “segundo os primeiros indicios e o que comentaron os técnicos, en principio parece que non debería haber ningún problema nas outras dúas plantas e que non hai danos estruturais, pero estamos pendentes do que digan os informes”.

Pablo Dobao, en nome da directiva, “agradécelle aos socios o seu apoio e a súa comprensión e, tan pronto poidamos, estaremos retomando a actividade outra vez, intentaremos que sexa á maior brevidade posible. A directiva está mans á obra e o Casino non se vai pechar, ao contrario, estaremos funcionando o antes que poidamos”.
Fotos cedidas.
