CulturaCulturaÚltima hora

Remata a escavación da Domus Norte na Cibdá de Armea (Allariz)

 

Nesta campaña cúmprense 12 anos de escavacións no Castro de Armea na Cibdá de Armea (Allariz). Nela rematouse a escavación da Domus Norte atopando os seus muros exteriores, así como máis estancias e diferentes zonas como adegas e zonas de habitacións. Así mesmo unha nova casa cun patio central foi descuberta, o que indica a importancia deste asentamento romano do século I, con edificacións de dous pisos, que fai da Cibdá de Armea un referente a nivel arqueolóxico.

Segundo o director da intervención, Adolfo Fernández, “rematar coa escavación desta domus ábrenos un futuro novo de intervencións en zonas diferentes do poboado nas seguintes campañas”. Entre as pezas atopadas durante esta campaña 2022 figura o cumio dunha estela funeraria, o que fai indicar a existencia dunha necrópole na Cibdá que aínda non teñen localizada. Tamén comentaba que este ano, grazas o financiamento acadado se pasou a escavar dos meses en vez de un como se facía nos últimos anos.

A estimación de superficie escavada nesta intervención é de trescentos metros cadrados, na que como sempre se atoparon restos de edificacións romanas, así coma vidro, cerámica e metais que se están analizando na Universidade de Vigo.

O director das escavacións facía estas declaracións durante a visita que realizaban esta mañá ao xacemento representantes municipais, encabezados pola alcaldesa de Allariz Cristina Cid, na compaña de representantes da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia.

Estes protagonistas non son outros que o equipo da Universidade de Vigo, con Julio Prada decano da Facultade de Historia e Mónica Villanueva Villar do departamento Vicerreitorado do Campus de Ourense, Roberto Pena, xefe de Servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, Sandra Quintas xefa territorial da Consellería de Cultura en Ourense.

A alcaldesa de Allariz lembraba que son moitos anos de colaboración entre o Concello de Allariz e a Universidade, o que se uniu fai catro anos a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, o que permitiu que “se traballe nun xacemento tan importante como é a Cibdá de Armea”.

Nesta campaña cúmprense 12 anos de escavacións, cun total de investimento de 70.000€ nesta anualidade, dos que a Xunta de Galicia aporta 25.000€, a Deputación Provincial outros 25.000€ e o resto son fondos municipais.

Roberto Pena, xefe de Servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, agradecía que se contara ca participación da Dirección Xeral de Patrimonio nun proxecto tan ilusiónante e que tan bos resultados está dando.

Por outra banda o Decano da Facultade de Historia, Julio Prada, remarcaba a importancia de que os alumnos e alumnas de arqueoloxía podan facer prácticas nun espazo como é o de Armea e fagan visible esta profesión.

Durante todo o mes de xullo, o alumnado de arqueoloxía que solicitou a súa praza para realizar prácticas no xacemento, estivo a traballar supervisados polo equipo encabezado por Adolfo Fernandez como director da escavación. As solicitudes para realizar as prácticas no xacemento ascenderon a casa 300, das cales puideron soamente das cabida a 25 alumnos e alumnas.

Este ano houbo unha segunda quenda xa profesionalizada na que se escavou acadando grandes logros e permitiu sacar a superficie máis restos así como edificacións que aseveran a importancia da Cibdá de Armea.

Segundo explicaba Adolfo Fernández, nos vindeiros días realizarase o mes de restauración e consolidación do escavado, e durante o resto do ano e ata a próxima intervención de campo no xacemento, o traballo de procesamento de datos no laboratorio de arqueoloxía e catalogación dos mesmos.

Fotos: Concello de Allariz.

 

Artigos relacionados

Back to top button