Veñen de rematar no concello de O Bolo as obras de acondicionamento da estrada de Cambela ao núcleo do Vao, que supuxeron un investimento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de máis de 90.000 euros.
A actuación enmárcase no convenio de colaboración do departamento de Infraestruturas da Xunta e o Concello do Bolo para facilitar a mobilidade dos veciños deste municipio ourensán. Os traballos rematados consistiron na rexeneración do pavimento nun treito de case 2,1 quilómetros desta estrada que dá acceso ao Vao.
Máis en concreto, as actuacións de rehabilitación do firme realizáronse entre os puntos quilométricos 0 a 0,445 e do 1,170 ao 2,820, cunhas lonxitudes de 445 e 1.650 metros, respectivamente, e nun ancho constante de 4 metros.
Os traballos para a mellora do pavimento desta vía consistiron en realizar un dobre tratamento do firme, previa corrección das deformacións existentes na chaira mediante recarga de grava ou gravillón. Tamén se realizaron tarefas de limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño.
No marco do convenio, o Concello do Bolo comprometeuse a asumir a titularidade de dous treitos antigos da OU-533, con 1,57 quilómetros de lonxitude.