ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Remata o seminario “As idades da auga” na Eurocidade Chaves-Verín

O foro internacional resalta o papel integrador da auga, e a necesidade do coidado e protección deste recurso milenario

Despois de catro intensas xornadas, o seminario internacional “As idades da auga: as augas construtoras de paisaxes”, organizado pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega coa colaboración da Deputación de Ourense e a Eurocidade Chaves-Verín, rematou na mañá do 7 de abril coa presentación das conclusións dos traballos.

No congreso, no que participaron unhas 30 persoas, tamén se fixeron visitas aos balnearios, con especial atención ás piscinas romanas, quedando expostas propostas baseadas na sostibilidade, na transversalidade do territorio co río como eixe principal, na integración paisaxística, na posta en valor da agricultura.

As propostas, xurdidas a partir do traballo multidisciplinar realizado durante esta semana por los alumnos do seminario, parten de diversas ópticas e abarcan diferentes escalas e obxectivos, sen perder nunca de vista a riqueza termal, patrimonial e natural deste val. As ideas de maior escala céntranse no río Támega e no espazo agrícola da Veiga de Chaves como elementos xeradores dunha identidade e espazo común. A riqueza da estrutura agraria e a tradición rural da contorna aparecen coma unha das claves revitalizadoras e lugar de encontro da poboación da Eurocidade. Para conseguir este obxectivo, suscítanse varias propostas que pasan pola limpeza e recuperación da calidade do auga a partir de sistemas e filtros vexetais de macrófitas, ao longo do río, ou en puntos determinados, contribuíndo tanto á súa limpeza como á súa mellora paisaxística. Entre estas accións, existe unha proposta para estudar o filtrado e aproveitamento do auga procedente das instalacións termais para cultivos hidropónicos que, aproveitando a calor sobrante, xeren algas destinadas á fabricación de cosméticos.

Outra das propostas establece unha relación paisaxística entre as diferentes instalacións termais do núcleo de Verín, a partir da utilización dunha linguaxe común inspirada no carácter milenario das augas que alí xorden. Esta proposta, suscitada nunha fase inicial no núcleo de Verín sería extrapolable ao resto de instalacións termarias existentes no ámbito da Eurocidade.

Na clausura do seminario estiveron presentes, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o vicepresidente da Cámara de Chaves, Carlos Penas; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; a directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega; e o director da Eurocidade Chaves- Verín, Pablo Rivera.

 

Artigos relacionados

Back to top button