SanidadeÚltima hora

Renóvase unha das tres resonancias móbiles do Sergas, que dá servizo aos hospitais de Valdeorras e de Verín

Durante o ano 2021 a Resonancia Magnética Móbil fixo 4.158 estudos radiolóxicos aos pacientes nos Hospitais Públicos de Verín e Valdeorras e no transcurso deste ano xa van preto dos 3.000

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Vense de publicar a resolución pola que a Xunta adxudica á empresa General Electric Healthcare España a renovación dunha das súas tres resonancias móbiles, que dá servizo aos hospitais de Valdeorras e de Verín. “Este proceso pecha a aposta que realizou o Goberno galego nos últimos anos para renovar esta flota, que comezou en 2018 coa renovación dunha resonancia magnética móbil, seguiu o pasado ano coa incorporación doutra, e continúa neste exercicio, coa renovación da terceira, que vén de ser adxudicada, por un importe de 891.680 euros”, segundo sinala a Consellería de Sanidade.

No que respecta á Área Sanitaria de Ourense fixéronse 4.158 estudos durante o ano 2021, cun total de 2.340 estudos no Hospital Público de Verín e 1.818 no Hospital Público de Valdeorras. No que vai de ano 2022 xa foron realizados 1.488 estudos radiolóxicos no Hospital de Verín e 1.464 no de Valdeorras.

“Os novos equipos, de última xeración, supoñen tamén unha maior flexibilidade e comodidade para os pacientes. En concreto, as melloras do novo equipo móbil incorporan vantaxes en aspectos de confort para o paciente, con dúas cabinas vestiario, así como unha maior amplitude do habitáculo onde se adquiren as imaxes, e un diámetro de imaxe de 70 cms, 10 máis que o anterior”, segundo Sanidade.

Desde o punto de vista tecnolóxico, estas unidades móbiles levan instalados equipos de resonancia magnética de alto campo, dos máis avanzados que existen actualmente en Galicia, con capacidade para realizar todas as exploracións posibles, desde as máis sinxelas ata as de maior complexidade, coa máxima calidade diagnóstica.

Outras melloras que se achegan no novo equipo móbil son unha resonancia de campo alto, incluíndo os últimos avances nesta especialidade diagnóstica. Permite, ademais, adquirir imaxes de Resonancia Magnética sen desprazar aos pacientes grazas á telerradioloxía. Xunto ao anterior, mellóranse os tempos e a calidade dos informes; evítase a repetición de probas ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo; e, así mesmo, posibilítase a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados.

“Dispoñer de tres equipos móbiles de RM garante ao sistema sanitario público a posibilidade de utilizalos para cubrir o requirimento de calquera hospital galego como apoio para resolver de xeito puntual un pico de demanda, ou dar resposta a unha incidencia que obrigase a interromper momentaneamente a actividade dunha resonancia fixa”, segundo Sanidade.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Este contrato entra dentro dos que está a tramitar a Xunta destinados a canalizar os fondos NextGeneration da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario. Ademais deste contrato de resonancias magnéticas, que incluía outras oito ascendendo ata os 10,9 millóns de euros, o Consello da Xunta xa autorizou este ano outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation para a renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía sanitaria, como a adquisición de catro aceleradores lineais por 8,9 millóns, de 36 TACs por 21,4 millóns, de tres equipos PET-TC por 5,5 millóns, de catro equipos de radioloxía vascular intervencionista e catro equipos de neurovascular intervencionista por 8,4 millóns de euros ou, máis recentemente, de sete equipos de cardioloxía intervencionista por 5,9 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button