En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

O programa de detección de cancro de mama estenderase ata os 74 anos de idade

No hospital valdeorrés realizábase esta mañá a primeira mamografía de cribado a unha muller de máis de 70 anos

 

“No noso entorno, no ámbito da muller a primeira causa de mortalidade tumoral é o cancro de mama. En Galicia levamos moito tempo loitando contra esta enfermidade e, sobre todo, traballando na prevención secundaria e por iso temos o noso programa de cribado de cancro de mama que leva 30 anos de historia. É un programa amplamente implantado na comunidade, ten unha porcentaxe de adherencia de máis do 80% das persoas que son citadas e leva detectados máis de 11.000 cancros nestes últimos anos”, sinalaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que facía esta mañá ao Hospital Público de Valdeorras con motivo do inicio da ampliación do rango de idade da poboación diana para participar no programa de detección precoz do cancro de mama, que se estende agora ata os 74 anos de idade. No hospital valdeorrés realizábase esta mañá a primeira mamografía de cribado a unha muller de máis de 70 anos.

Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial; o responsable da sanidade galega subliñou que, con esta medida, se estima que “a nova poboación diana se incremente nun 25 %, o que supón unhas 100.000 mulleres máis”. Así, destacou que o obxectivo desta iniciativa do Goberno galego “non é só ampliar o número de participación nas mulleres exploradas polo programa”, senón que, tamén, se reincorporen “aquelas que por idade xa estaban fóra do mesmo”.

 

 

“É un programa poboacional, é dicir, no que temos na base de datos a todas as mulleres galegas que cumpren os requisitos, no que se invita a participar, no que se fai unha avaliación de resultados e rechamadas para garantir que as mulleres acuden, mulleres galegas de máis de 50 anos”, engadía García Comesaña.

Durante a súa visita á Unidade de exploración mamográfica do Hospital de Valdeorras, Comesaña anunciou a apertura de tres novas unidades de exploración, que se emprazarán na Coruña, en Santiago de Compostela e en Vigo; e tamén que o período de actividade das restantes unidades emprazadas nas cidades e hospitais comarcais galegos será ampliado.

 

 

Neste senso, Comesaña apuntou que a extensión da idade máxima para participar no programa levará consigo a contratación de novo de persoal técnico superior en imaxe para o seu diagnóstico, ademais do reforzo de persoal na Unidade Central do Programa, para dar resposta ao incremento do número de citas e a súa xestión. “Hoxe comeza nesta ampliación na Unidade de Exploración mamográfica, e agárdase que ao longo de setembro e outubro se incorporen o resto de unidades”, -indicou o conselleiro-.

 

 

O titular da carteira sanitaria tivo palabras de agradecemento para o conxunto de mulleres que participan neste programa, que conta cuns niveis de participación que se aproximan ao 80% en Galicia. Así mesmo, salientou o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública, impulsora desta iniciativa, e do persoal que traballa cada día para mellorar a loxística e o funcionamento do programa, que non se paralizou nin sequera durante a pandemia do Covid.

A Xunta continúa a reforzar a súa aposta pola prevención secundaria a través da ampliación do límite superior de idade da poboación diana do programa de detección precoz do cancro de mama, unha necesidade en liña con diferentes estudos realizados a nivel mundial, e coas recomendacións definidas pola Comisión Europea mediante as súas guías sobre este tipo de cancro.

 

 

Cancro colorrectal e cérvix

Xunto coa detección precoz do cancro de mama, a Xunta de Galicia segue a realizar avances significativos noutros programas de detección oncolóxica, como é o caso do cancro colorrectal e o de cérvix. No caso do colorrectal, o Ministerio de Sanidade marcara o ano 2019 como límite para iniciar a súa implantación e o 2024 para chegar ao 100 % da súa cobertura. Galicia adiantouse en máis de cinco anos, iniciando a súa implantación no 2013 en Ferrol, e completando a súa extensión a todas as áreas en 2019. Así mesmo, e co ánimo de incrementar a participación cidadá, a finais do 2022, comezou a enviar directamente aos domicilios os tests de cribado.

Entre os programas poboacionais de cribado da Consellería de Sanidade tamén destaca o da detección precoz do cancro de cérvix. Un plan que botou andar en Galicia na área de Lugo, no ano 2021, e que se agarda que este mesmo ano estea implantado en todas as áreas sanitarias, adiantándose en dous anos aos prazos fixados por Europa.

Por outra banda, existía un mandato do Parlamento para elaborar un Plan galego de prevención do cancro de pulmón. En maio deste ano a Xunta presentou o Plan Inspira Saúde, que contempla a elaboración dun perfil epidemiolóxico da poboación con alto risco de padecer enfermidades relacionadas co tabaquismo e o uso de ferramentas de intelixencia artificial, para a posta en marcha dun programa piloto de detección do cancro de pulmón. Finalmente, Galicia tamén participa no proxecto europeo PRAISE-U para o desenvolvemento dun programa de detección precoz de cancro de próstata.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button