ConcellosLaroucoÚltima hora

Reunión da alcaldesa de Larouco co presidente da Xunta

En materia de turismo, Feijóo incidiu na posibilidade de que o proxecto para revalorizar os "Codos" do Larouco reciba financiamento no marco da orde de axudas para concellos menores de 10.000 habitantes

Publicidade
A alcaldesa de Larouco, na reunión co presidente da Xunta.

 

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, reuníase esta mañá co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. No encontro abordábanse os proxectos, en materia de servizos sociais e infraestruturas turísticas, de maior interese para este concello valdeorrés. No eido social Feijóo trasladoulle á alcaldesa que Larouco contará cunha casa do maior, grazas á convocatoria de axudas que se resolverá nos próximos días.

En materia de turismo, Feijóo incidiu na posibilidade de que o proxecto para revalorizar os “Codos” do Larouco reciba financiamento no marco da orde de axudas para concellos menores de 10.000 habitantes. Ademais, comunicoulle á alcaldesa que a Axencia de Turismo de Galicia está a estudar a conversión da antiga casa reitoral nun albergue.

No que respecta ao ordenamento territorial, analizaron a mellora dos accesos ao núcleo de Seadur, así como a tramitación do PXOM. Ao respecto deste último asunto, Feijóo explicou que o Plan Básico Municipal se tramitará a principios de 2022.

A maiores, o presidente da Xunta e a alcaldesa de Larouco abordaron as melloras no saneamento, para o que o Concello recibiu unha axuda de máis de 20.000 euros a través da liña de axudas para abastecemento e saneamento en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Na reunión, tamén estudaron o proxecto para dotar ao concello dunha senda en Freixido. Neste senso, Feijóo lembroulle que nos últimos tres anos Larouco ten recibido case 100.000 euros do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais. Finalmente, o titular do Executivo galego reiteroulle a alcaldesa o compromiso da Xunta con desenvolvemento deste concello.

Artigos relacionados

Back to top button