
Esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibía no seu despacho á nova presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Concepción Iglesias Pousa, acompañada polo vicepresidente e secretario do organismo, Carlos Basalo e Luis Manuel Vázquez, respectivamente.
Na reunión ratificouse “o reforzo da cooperación constante da Deputación co Consello Regulador, un organismo que traballa en conservar a tradición vitivinícola da comarca, defender a súa identidade e o esforzo dos produtores, así como a calidade dos seus viños que exercen de excelentes embaixadores da marca Ourense”, segundo o presidente provincial.

Dado que Ourense é unha das provincias máis vitivinícolas de España, “o sector do viño é un dos grandes estratéxicos do noso territorio”, explicou Menor, quen lembra que desde a Deputación de Ourense “apoiamos desde hai anos directamente ás Denominacións de Orixe da provincia con achegas destinadas á internacionalización para traballar cara a apertura de novos mercados fóra de España, así como para promover o viño como un dos buques insignia de Ourense”.
A Denominación de Orixe do Ribeiro é a máis antiga de Galicia e unha das 19 denominacións recoñecidas en 1932. “O Ribeiro é a comarca vitivinícola por excelencia que pode presumir de ter unha identidade propia que xira ao redor da cultura do viño”, salientou Luis Menor.