ConcellosEn portadaPetínÚltima horaVídeos

Reunión informativa na Portela de Portomourisco (Petín) sobre o proceso da concentración parcelaria

Prevé reorganizar 203 hectáreas de superficie divididas en 2.188 parcelas, "mellorando a estrutura territorial da zona e beneficiando 619 propietarios", segundo a Xunta

 

Ata A Portela de Portomourisco (Petín) desprazábase esta mañá a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, para manter un encontro informativo con veciños relacionados coa nova concentración parcelaria decretada neste municipio valdeorrés. Este encontro, no que tamén participaban representantes do Concello de Petín, buscaba informalos sobre as particularidades deste proceso, que prevé reorganizar unha superficie de 203 hectáreas, dividida en 2.188 parcelas de 619 propeitarios. Nesta intervención, a Consellería do Medio Rural ten previsto investir preto de 900.000 de euros.

Seguidamente, a directora xeral trasladarase ao concello de Vilardevós para abordar cos veciños de Soutochao as características deste novo proceso, que prevé reestruturar unha superficie de 711 hectáreas divididas en 3.285 parcelas, propiedade de 714 veciños. Neste caso, o orzamento previsto pola Consellería ascende a cerca de 2,5 millóns de euros.

 

 

 

Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, estes procesos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Desta forma, as explotacións da zona de Petín e Vilardevós veranse beneficiadas destes procesos.

Estas dúas parcelarias forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Para isto, a Consellería ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación. Ademais, este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

 

 

Nesta liña, entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. O obxectivo é acadar a trintena de procesos -tanto decretados como finalizados- no primeiro semestre deste ano.

 

 

Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Desde a entrada en vigor da norma, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button