Entre os puntos da orde do día do pleno ordinario do Barco que se celebraba na tarde deste 16 de xaneiro figuraba unha moción presentada polo grupo municipal do PP relativa a situación da seguridade no concello e na que se pedía, ante “a onda de roubos e vandalismo que sofren os veciños” adecuar “as instalacións da Policía Local e o incremento do persoal no número de efectivos necesarios para un correcto servizo ao cidadán”, ademais de solicitar “ante o organismo correspondente a creación dun posto principal da Garda Civil no Barco, dotándoo dos servizos e efectivos necesarios e suficientes”. Tamén se pedía habilitar unha partida para uniformes da Policía Local. Porén a iniciativa non lograba saír adiante ao votar en contra da mesma os concelleiros do partido socialista.
Era o voceiro municipal do PP, Antonio Melo, quen expoñía a moción referíndose a feitos acontecidos como “roubos en casas particulares, negocios e vehículos. Actos vandálicos contra a propiedade privada, mesmo contra o mobiliario urbano en varias ocasións. Tráfico e consumo de estupefacientes en plena vía pública, liortas nas zonas de lecer nocturno, etc.”.
Tamén apuntaba que é “a segunda vez en poucos meses que se expón neste pleno a escaseza de patrullas polas rúas, especialmente a diario en horario nocturno, onde se reduce a unha parella da Garda Civil, a cal debe cubrir varios concellos ao mesmo tempo. O persoal da Policia Local segue sendo escaso, cun numero insuficiente de axentes para unha poboación de case 14.000 persoas. A Garda Civil non está en mellor situación, para unha zona cuxa poboación rolda os 20.000 habitantes e cunha gran extensión xeográfica, conta tamén cun número insuficiente de efectivos, ata o punto de que moitas noites non hai patrullas de Tráfico e os demais axentes cobren toda a zona con tan só unha patrulla nocturna”.
Dende o BNG, o concelleiro Xavier Rocha comezaba condenando os “roubos e desperfectos en establecemento do Barco e nos solidarizamos cos afectados” e comentando que existe un incremento de roubos e que existe preocupación. Tamén aseguraba que a policía está cumprindo co seu labor “polo que nós temos dúbidas de que aumentar os efectivos vaia solucionar algo se xa se ten localizada a esa persoa”. E sobre o consumo de estupefacientes, Rocha apuntaba que “un dos xeitos de minimizar ese consumo é cunha Casa da Mocidade porque iso permitiríalle darlle opcións a xuventude e podería evitar que moita xente vaia por ese camiño”. Na moción, engadía, o edil nacionalista, “vemos bastantes puntos que teñen sentido e o único no que temos dúbidas é no aumento da plantilla. Pensamos que é evidente que hai un incremento de roubos e criminalidade, pero tamén cremos que hai que evitar o alarmismo”. E apuntaba a posibilidade de usar cámaras para evitar o vandalismo e o retraso no traslado da Policía Local á nova sede, “e iso hai que solucionalo”, concluía expresando o seu apoio á moción.
Con respecto á partida sobre os uniformes da Policía Local, o alcalde do Barco, Alfredo García, aseguraba que “o Concello non di o que ten que comprar a Policía, de feito eu xa asinei a proposta de vestimenta para este ano, faino o xefe da Policía e fala el cos provedores e pasa unha proposta e cos cartos que hai no orzamento todos os anos chega para pagar esa factura”.
Despois, o voceiro do grupo municipal socialista, Aurentino Alonso, cualificaba a oposición de alarmista e “tratarei de demostrar con datos que así é. No 2022 houbo no Barco un total de 415 delitos, dende pequenos furtos a violencia de xénero ou ciberdelitos que é o que está aumentando, e 164 resoltos (o 40%), no ano 2023 foron 381 e 162 resoltos (o 42,51%) e do 2024, entre xaneiro e xullo foron 280 e 133 resoltos (un 47%). As forzas de seguridade cada ano van esclerecendo máis casos. No 2022 detiveron a 39 persoas, no 2023 a 46 e no 2024 ata xullo, a 35. A eficacia e a eficiencia dos corpos de seguridade está demostrada e cada ano se conseguen esclarecer máis delitos e de momento non parece que aumentaran os delitos. Eu creo que no Barco estamos nunha situación de seguridade semellante a doutras vilas e cidades semellantes a nós, pero o tema que nos debería preocupar a todos é o da violencia de xénero, pero non se resolve incrementando a dotación policial. No Barco hai 32 casos activos”. Do mesmo xeito, consideraba adecuado o número de efectivos da Policía Local do Barco. Nese senso, Alonso manifestaba que non se ía apoiar a moción do PP xa que “nos parece unha moción moi alarmista e os puntos que propoñen están resoltos”.
O alcalde engadía que o Concello do Barco xa solicitou tanto ao anterior subdelegado do Goberno como ao actual a concesión dun posto principal da Garda Civil, “con el poderán aumentar o esclarecemento dos delitos, pero seguramente non as patrullas na rúa”. E, sobre o novo edificio onde se ubicará a Policía Local, “estamos pendentes de que se faga a certificación final e, unha vez que estea feita, poderase facer o traslado da Policía a ese edificio”. E adiantaba que está previsto colocar cámaras en diversas rúas do Barco.