CulturaCulturaÚltima hora

Rexistro dixital de alta resolución dun conxunto de gravados rupestres da comarca de Monterrei

Desenvolveuse no marco dunha colaboración internacional entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo e o proxecto de investigación europeo RAW RockArt, Words and Warriors

 

Novo paso na posta en valor do patrimonio rupestre da comarca de Monterrei. No marco dunha colaboración internacional entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) e o proxecto de investigación europeo RAW RockArt, Words and Warriors (Arte Rupestre e Interacción Marítima na Europa Atlántica), o conxunto de gravados rupestres de Penedo do Muro (Sandín, Flariz, Monterrei, Ourense) foi recentemente obxecto dunha actuación para a realización dun rexistro dixital de alta resolución.

O traballo de documentación, autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, ten sido dirixido pola arqueóloga do Geaat Beatriz Comendador Rey. O equipo de intervención que se desprazou a Ourense por parte do proxecto RAW RockArt, Words and Warriors (Hällristningar och maritim interaktion i Atlantiska Europa, 2019-2022), financiado pola Fundación Sueca de Investigación Vetenskapsrådet, estivo formado por Johan Ling (University of Gothenburg); Magnus Artursson (Sweedish National Historical Museum/ University of Gothenburg) e Marta Díaz-Guardamino Uribe (Durham University), responsable esta última do traballo desenvolvido na península ibérica no marco deste proxecto.

Esta colaboración é unha mostra do esforzo “de internacionalización e de amosar o rico patrimonio rupestre da comarca de Monterrei alén dos nosos núcleos académicos, xa que a arte rupestre do interior transfronteirizo actualmente queda fóra dos itinerarios temáticos rupestres europeos, como é o caso do CAARP”, segundo o Geaat.

A actuación realizada no conxunto arqueolóxico ourensán, comenta Beatriz Comendador, centrouse no petróglifo de Penedo do Muro 1 e no petróglifo de Penedo do Muro 2, a escasos 20 metros ao norte do anterior, separado por un muro tradicional de división de fincas. No primeiro caso fíxose un rexistro parcial e no segundo un rexistro case completo. A nova documentación realizada emprega técnicas como o escaneado con láser portátil de gran precisión e Reflectance Transformation Imaging (RTI) para algún dos detalles.

 

 

“Unha das cousas que permite estudar esta resolución tan ampla é por exemplo comparar a tecnoloxía dos diferentes tipos de sucos con que están feitos os gravados na pedra, para ver se todos os gravados son da mesma época ou non, que é unha cousa que non sabemos con certeza. O rexistro definitivo permitirá facer o estudo microtopográfico da superficie da pedra”, comenta Beatriz Comendador. Ata o de agora, as e os investigadores dispoñían dun calco dixital dos gravados obtido no 2019 polo Geaat a partir dunha fotogrametría que fora realizada en 2014.
Estelas de guerreiro

Unha das principais pretensións do proxecto sueco RAW RockArt, Words and Warriors é elaborar un estudo comparativo sistemático e detallado das estelas de guerreiro peninsulares e sitios de arte rupestre relacionados coa arte rupestre da Idade do Bronce final do sur de Escandinavia. “Existen unha serie de paralelismos (ademais de diferenzas) relevantes entre as dúas tradicións que recibiron atención renovada recentemente, xa que se considerou a hipótese de posibles contactos entre a península ibérica e Escandinavia neste período. O que estaría por determinar é se estas relacións foron directas ou indirectas”, di Comendador. Neste contexto, engade, os estilos de manufactura da arte rupestre, ademais da iconografía da arte rupestre, “teñen o potencial de achegar información valiosa para explorar estas cuestións”.

“Hai moitas estelas de guerreiro por toda a Ruta da Prata, é un fenómeno fundamentalmente do suroeste peninsular. Estas estelas son pezas que teñen gravados na parte dianteira, que estaban chantadas e normalmente tiñan representacións da panoplia dun guerreiro, é dicir, o escudo, a lanza, a espada e ás veces outros elementos”, comenta Beatriz Comendador.

Na comarca de Monterrei, engade a arqueóloga, “temos unha estela, a da Pedralta do Castrelo do Val, que é unha das estelas máis setentrionais que se coñecen, e logo hai outras polo val do Támega, como por exemplo as que están en Castelões, en Chaves (Portugal) ou a de Tojais en Montalegre”. Estas estelas tamén foron de interese por parte dos membros de RAW RockArt, Words and Warriors na súa visita ao val do Támega.

Fotos: Duvi.

Artigos relacionados

Back to top button