EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ribadavia presenta o seu primeiro Plan Estratéxico Turístico

 

O Concello de Ribadavia presentaba esta mañá o primeiro “Plan Estratéxico de Turismo 2024–2029”, que se compón de 4 eixos estratéxicos e 31 actuacións que “contribuirán ao desenvolvemento turístico e ao posicionamento do concello como destino turístico”.

Este municipio ourensán, situado entre os ríos Avía e Miño, dispón dunha gran tradición e cultura enolóxica, albergando o Museo do Viño de Galicia, a Sede da DO Ribeiro e a  Ruta do Viño Ribeiro, conferíndolle un gran potencial como destino enoturístico, a iso úneselle un amplo legado cultural e patrimonial, aportándolle ao municipio un gran potencial turístico.

“A través da redacción do Plan Estratéxico perséguese o obxectivo de proporcionar ao departamento de turismo e, en definitiva, ao Concello de Ribadavia, unha folla de ruta que guíe e axude ao Concello a xestionar o turismo dunha forma sostible, optimizando e poñendo en valor os principais recursos culturais e naturais”, tal e como sinala o seu alcalde, César Fernández.

Este novo enfoque, axudará á estruturación de productos turísticos competitivos que maximicen o atractivo e melloren a oferta do destino, contribuíndo así a un desenvolvemento turístico sostible e controlado do concello.

Entre os obxectivos específicos que se persegue cumprir con esta acción, “priorízase establecer un sistema de co–gobernanza turística, que sexa a base de toda a xestión turística; a posta en valor e adecuación dos recursos turísticos; a mellora do posicionamento turístico; a creación de experiencias e produtos turísticos clave; a profesionalización do sector turístico e servizos; o aumento do tecido empresarial e a sensibilización á poboación local”, segundo o rexedor.

Fase estratéxica e plan de acción

O documento configurouse a través dunha análise exhaustiva do sistema turístico do Concello, na que se tivo en conta a potencialidade e adecuación dos recursos turísticos, a oferta e a demanda, os elementos de comunicación, a gobernanza, entre outros, finalizando con unha análise de benchmarking. Ademais, para a elaboración do Plan estratéxico contouse coa axuda do sector turístico e a poboación local, a través de entrevistas en profundidade a axentes clave do concello e enquisas de percepción do destino á poboación local e ao sector privado.

A partir dos resultados obtidos nesta fase de análise e a identificación das debilidades, ameazas, oportunidades e fortalezas, levouse a cabo a configuración da estratexia e o plan de acción a seguir.

As estratexias de co–gobernanza, o fortalecemento e mellora do produto turístico, a profesionalización da oferta e a optimización da promoción e comercialización, son os catro piares fundamentais dos que parte o Plan de Acción, e a partir dos cales configuráronse as 31 actuacións que configuran este plan.

Dentro das actuacións plantexadas na estratexia inclúense accións como:

  • O impulso do produto Enoturístico
  • Plan de emprendemento e aceleración empresarial
  • Programa de creación de experiencias e produtos
  • Proxecto de mellora da oferta comercial do casco antigo
  • Plan de márketing e promoción
  • Plan de mellora do patrimonio cultural
  • Potenciación do Camiño Miñoto
  • Plan de sinalización turística

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, apunta que, “con este Plan Estratéxico trazamos a folla de ruta do desenvolvemento turístico de Ribadavia para os próximos cinco anos. Trátase dun plan que pretende implicar ao sector turístico e que ten como iniciativa fundamental propiciar que este sector medre, buscando a creación de novas oportunidades de emprendemento e autoemprego nun sector que debe ser tractor para o desenvolvemento económico do noso concello”.

Así mesmo, o alcalde sinalou que “a aposta do Concello pola dinamización turística de Ribadavia é firme e decidida, de tal xeito que achegaremos todos os recursos necesarios para converter a Ribadavia nun destino turístico de primeiro nivel. Co desenvolvemento e execución do Plan estratéxico e das accións que nel se conteñen, agardamos que no horizonte de 2029 Ribadavia sexa un destino turístico consolidado e referente no turismo cultural e de interior do noroeste peninsular”.

Artigos relacionados

Back to top button