En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A ritualidade do Entroido do oriente ourensán envolve Belém

Os folións de Vilariño e Viana do Bolo, as Bonitas de Sande e os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros participaban no XII Desfile Internacional da Máscara Ibérica en Lisboa

Milleiros de persoas congregábanse na tarde do 6 de maio no entorno da praça do Imperio, na zona lisboeta de Belém, para desfrutar dunha trintena de tradicións diferentes chegadas de diversos puntos da península e tamén de América Latina. O XII Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI) reunía a 36 grupos e máis de 600 persoas nun colorista, intenso e sonoro desfile que saía da praça do Museo da Marinha e rodeaba a praça do Imperio.

Entre as celebracións que podían verse nesta comitiva, que abrían os Xigantes e Cabezudos de Aranda de Duero (Burgos) ás catro e media da tarde (hora portuguesa), estaban ata catro Entroidos ourensáns: os folións e os Boteiros de Vilariño e de Viana do Bolo, as Bonitas de Sande e os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros. A representación galega completábase coas Madamas e os Galáns de Vilaboa de Cobres (Pontevedra).

Ademais de preto de 20 tradicións de inverno lusas, entre as que figuraban diferentes Caretos da zona de Bragança, de Podence ou de Lagoa, tamén había outras once grupos españois como era o caso dos Carnavales de Villanueva de Valrojo, os Sidros e a Comedia de Val de Soto (Asturias) ou os Touros e os Guirrios de Velilla de la Reina (León). Por vez primeira, e coincidindo con que Lisboa é neste ano Capital Iberoamericana da Cultura, no FIMI había presenta latinoamericana da man do Carnaval de Barranquilla (Colombia) e da Diablada de Perú.

Este multitudinario desfile era un dos actos centrais do FIMI e tiña como limiar o xantar oficial deste encontro internacional ao redor do mundo da máscara. Este xantar celebrábase por vez primeira no restaurante Espelho d’Auga, na mesma zona de Belém. Este acto reunía a representantes das zonas participantes neste festival, así como patrocinadores e membros da organización deste evento, promovido por Progestur en colaboración coa EGEAC (Empresa de Gestão de Equipamentos e Animação Cultural, da Cámara Municipal de Lisboa).

Durante o xantar, no que actuaba a Real Banda de Gaitas de Oviedo, tomaba a palabra o presidente de Progestur, Hélder Ferreira, quen agradeceu a colaboración e apoios dos colaborades que fan posible este evento cultural e turístico, destacaba a incorporación de novas celebracións da península e de América Latina e adiantaba a intención de seguir medrando en futuras edicións.

De seguido interviñan a presidenta da EGEAC, Joana Gomes Cardoso, quen aludía ao cambio de ubicación do FIMI, que por vez primera se desenvolve en Belém; e Catarina Vaz, responsable da área de Cultura na Cámara Municipal de Lisboa, que incidía no valor do festival para “mellorar a diversificar a oferta cultural da cidade de Lisboa”. Tamén tomaban a palabra dous concelleiros de Oviedo, que agasallaban ás representantes do Concello de Lisboa con dous obxectos de cerámica.

Foto: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Máis fotos:

https://osil.info/o-entroido-ourensan-no-fimi-en-lisboa-en-fotos/
https://osil.info/mostra-das-rexions-e-os-concertos-de-musica-folk-entre-propostas-xii-fimi-en-lisboa/

Artigos relacionados

Back to top button