ConcellosEntroido 2022Última horaViana do BoloVídeos

Rondas, brindis e disputa da Comparsa en Punxeiro (Viana do Bolo)

No Sábado de Entroido visitaranse as aldeas vianesas da Bouza e San Cibrao

 

Rozando as cinco da tarde deste sábado, a Comparsa achegábase a Punxeiro (Viana do Bolo), onde era agardada polos veciños. Tras a petición de entrada formulada polo Director, e aceptada polos representantes de Punxeiro, soaban as esquilas e a música. Deste xeito, iniciábase a tradicional ronda pola localidade, na que se ían sumando á comitiva numerosos veciños e visitantes.

 

https://youtu.be/CwHIIlZ0uG8

 

 

Os integrantes da Comparsa (Director, Músicos, Señorita, Paiaso e outros personaxes da disputa) facían a súa segunda saída neste Entroido, logo de visitar pola mañá Penouta. Tras percorrer Punxeiro, a ronda finalizaba na “aira”, onde se iniciaba o seguinte paso do ritual: os brindis. Neles, o director ía adicando en verso unha peza a algúns dos presentes, aos que a Señorita e o Paiaso ían buscar para botar un baile. “Vimos por riba da serra/ pasamos por Cepedelo/ ímoslle tocar/ a aquel de Covelo“. Entre os citados estaba o concelleiro vianés, Abelardo Carballo. Tras o baile, é costume que esas persoas fagan unha aportación económica para axuda da comparsa.

 

 

E unha vez rematados os brindes cunha peza dedicada ao público (“Hoxe temos pouco tempo/ que nos vos pareza mal/ vamos a tocarlle, a todos en general“), comezaba a disputa, unha representación satírica en verso con diversos personaxes (ademais da Señorita, o Pallaso e os das Esquilas, a vella, o hojalatero, e políticos, entre outros) na que se facía un repaso da realidade local, tocando temas como o esperado arranxo da estrada de San Agostiño, ou xa de ámbito máis xeral, como a pandemia do Covid, o baleirado dos encoros ou a suba da luz, mentres os de Esquilas ou o Paiaso disputaban polo amor da Señorita.

 

A representación concluía cunha sentida despedida, xusto despois de que se cumprise coa tradición de que os membros da Comparsa descubriran os seus rostros. Nese momento rendíaselle homenaxe a Amador, membro durante 20 da Comparsa de Pixeiros e impulsor da recuperación desta tradición, que este ano non puido participar nela.  “Os membros desta Comparsa”, dicía o Director, “viñemos pra vos facer rir/ que cumpran a miña orde/ e nos teñamos que descubrir./ Este director vaivos dar un comunicado/ toda esta disputa/ tivo un final inesperado./ Queríamos dicir unha cousa/ algo que non estaba no guión/ o hojalatero que trouxemos hoxe/ era de sustitución./ Queríamos mandarlle un abrazo/ a un amigo e compañeiro/ que saíu máis de 20 anos/ coa comparsa de Pixeiros“. Entón, tras convidalo a voltar cando queira, soaba un emotivo e longo aplauso.

 

 

O ritual completábase coa comitiva da Comparsa, xa todos cos rostros descubertos, dando unha nova ronda por Punxeiro, desta volta para abandonar a localidade.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button