Como “ferramenta de carácter demostrativo para impulsar a economía circular nos servizos integrais da auga, así como para garantir a dispoñibilidade de auga durante épocas de seca e reducir o “estrés hídrico” na contorna”, no mediodía deste luns 4 de decembro era presentado no Centro Cultural Avenida da Rúa, o proxecto Ruagua.
O acto de presentación á veciñanza de Valdeorras, contou co vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; coa presidenta e ao director xeral da Fundación Cotec, Cristina Garmendia e Jorge Barrero, respectivamente; a CEO de Ikea España, Nurettin Acar; a deputada delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González; o deputado de Medio Ambiente, Jose María Lago; o director técnico do Consorcio de Augas de Valdeorras, Javier Bobe; a alcaldesa de A Rúa, María Albert; e o xornalista Luis Pardo que actuou como condutor do acto. Tamén asistían acaldes e respresentantes municipais dos concellos da comarca.
Dende a Deputación de Ourense, César Fernández califica o acto de “moi importante polo que supón, a presentación deste proxecto de futuro moi importante para o territorio”, dixo, destacando que o estrés hídrico ou a falta de auga “é un dos problemas fundametais que teñen que afrontar os territorios neste comezo do S. XXI e ter un proxecto que permita mostrar as posibilidades que dar unha segunda utilidade á auga xa consumida pode axudar a palialos”. Segundo o vicepresidente 2º, trátase dun proxecto pioneiro e exportable a outros territorios que “neste caso pon ao Consorcio de Augas de Valdeorras no punto de mira de moitos concellos que tamén padecen estrés hídrico”.
Ruagua, do Consorcio de Augas de Valdeorras, o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e AquaOurense (empresa mixta formada pola Deputación de Ourense e Viaqua), é unha iniciativa demostrativa de produción sostible e cogobernanza de auga rexenerada e foi un dos tres proxectos gañadores, dos 162 presentados de toda España, que obtivo unha dotación de 300.000 euros do último Proxecto DEMOS de economía circular en comunidades rurais de menos de 5.000 habitantes.
O proxecto conta cun enfoque circular baseado en tres eixos: xeración de auga rexenerada, uso de enerxía solar como fonte renovable e produción de compost a partir das augas residuais xeradas no contorno da EDAR. No ámbito da auga, Ruagua implantará un enfoque integral, dixital e áxil para achegar o uso de auga rexenerada a todos os sectores produtivos e servizos públicos. Este proxecto promoverá o desperdicio cero e reducir tamén o uso de fertilizantes e químicos, ofrecendo un compost de alta calidade. Así mesmo, impulsará a produción de enerxía solar como fonte renovable, contribuíndo á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e ao combate do cambio climático.
Desenvolvemento sostible
O Proxecto DEMOS forma parte do Plan Allen da compañía IKEA -membro conselleiro de Cotec. O Plan Allen é unha iniciativa de IKEA para contribuír á recuperación da economía e a sociedade española. O seu principal obxectivo é crear emprego e promover a xeración dun desenvolvemento sostible. O Plan Allen desenvolverase entre 2022 e 2025. Ademais de Cotec, forman parte outras tres entidades como WWF, FADEMUR/FADEMUR e ASHOKA.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
Máis información:
Os veciños opinan sobre o proxecto Ruagua e as súas posibles aplicacións