A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Os veciños opinan sobre o proxecto Ruagua e as súas posibles aplicacións

 

Antes do aperitivo, a presentación que se celebraba hoxe no Centro Cultural Avenida do proxecto de economía circular Ruagua, remataba cun grupo de veciños da Rúa sobre o escenario valorando o proxecto e aportando a súas ideas sobre os posibles usos da auga rexenerada que propón a iniciativa.

Como alcaldesa da Rúa, María G. Albert recoñeceu que o feito de que a vila sexa un dos concellos españois con maior estrés hídrico, é cando menos sorprendente “porque estabamos acostumado a que en Galicia sobraba a auga e de repente dámonos conta de que a auga potable é un ben finito que hai que tratar con coidado e iso sorprende á poboación”, tendo moi presente que “é un ben fundamental que temos que fornecer dende os Concellos e, nese sentido, tratar a auga con conciencia é unha obriga que temos non só como administración senón como sociedade”, dixo.

 

A alcaldesa da Rúa, María G. Albert.

 

Logo de facer un repaso pola situación da auga no municipio onde os problemas comezan pola escaseza, cun sistema de captación bastante complexo, Albert recoñeceu que levan moitos anos acarreando problemas, “primeiro de cantidade con veráns moi estresantes habilitando captacións de emerxencia; e tamén de calidade. De feito este ano en concreto tivemos un problema coas correspondentes restricións o que supón un gasto extra de cartos e de recursos para o Concello, que nos obriga a ser máis razoables en canto ao uso da auga potable”.

Con respecto a Ruagua a rexedora recoñeceu que “é un proxecto excepcional e un luxo que nos escolleran porque creo que vai supor un plus para o concello no que se estaba facendo un uso abusivo da auga potable (regadío de hortas, enchido de piscinas, motobombas,…), sendo estes moitos dos usos que se lle van poder dar a esa auga rexenerada. Ademais trátase dun proxecto pioneiro e moi exportable”.

 

 

Como representante do sector vitivinícola, o vicepresidente primeiro do C.R.D.O. Valdeorras Roberto Fernández, explicou que son dous os aspectos a ter en conta con respecto á auga: o viñedo e as adegas. “O momento cumbre na viña vai de primavera a agosto, e despois a vendima cando se fai o maior consumo de auga nas adegas (70%) que é cando se presentan os problemas de sequía. Cando a auga é máis escasa é cando máis a necesitamos”, dixo, asegurando que a única dúbida que se lle plantexa agora sobre o proxecto é “como transportar esa auga rexenerada, que entendo estará xunto ás depuradoras, ata o lugar no que se precise”.

 

Roberto Fernández, vicepresidente 1º do C.R.D.O. Valdeorras.

 

Para Elvira Rodríguez, da AA.VV. de Fontei, “o principal é concienciar á xente de que a auga é un ben escaso e temos que recurtar no seu uso”, dixo, destacando que a auga rexenerada que nos propón o proxecto “poderíase usar de moitas formas pero unha das primeiras que se me ocurren é a limpeza das rúas que para min é primordial”. Lembrou “o paseo do malecón, un lugar espectacular que poucos pobos teñen polo que hai que coidalo e promocionar e podemos utilizar esta auga para que esté máis verde, máis limpo. Tamén na zona axardinada de Fontei que custa manter”, destacou ademais a importancia de “transmitir e inculcar aos nenos o amor pola terra”.

 

Elvira Rodríguez, da AA.VV. de Fontei.

 

Da concienciación e formación dende a escola falou o director do CEIP Manuel Respino, Emilio González, para quen os nenos xa están concienciados sobre o cambio climático, algo no que os centros educativos son fundamentais. “O profesorado encárgase da formación ambiental e incorporamos ao día a día proxectos relacionados con sostibilidade, cambio climático, prevención de incendios forestais e mesmo eficiencia de recursos, co que pretendemos crear unha actitude proactiva e responsable co medio ambiente de cara ao futuro”, dixo, explicando que no centro que el dirixe contan cun horto escolar que “regamos cun bidón e un grifo aproveitando a auga de chuvia, algo que con proxectos como este e a colaboración cidadá pode levarse a cabo”.

 

Emilio González, director do CEIP Manuel Respino.

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:

Ruagua preséntase na Rúa como “ferramenta para garantir a dispoñibilidade de auga en épocas de seca e reducir o estrés hídrico”

Artigos relacionados

Back to top button