En portadaÚltima hora

Rubiá, Viana e Vilariño, entre os concellos con cambio de frecuencia de emisión de televisión polo segundo dividendo dixital

Véñense de reactivar os labores para realizar esas modificacións que afectarán neste mes a 31 municipios da provincia

 

Durante este mes de xuño veñen de reactivarse os labores de cambio de frecuencia de emisión de algúns múltiples de televisión nuns 31 municipios da provincia de Ourense, con motivo do proceso de liberación do  Segundo Dividendo Dixital. Estes procesos retomáronse tras a paralización derivada da crise sanitaria do COVID-19.

Segundo informa o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, dende a Xefatura Provincial de Telecomunicacións estase trasladando semanalmente información a todos os concellos afectados, indicando datas estimadas, emisores e canles que se reorganizan.

No caso da provincia de Ourense resultarán afectados por cambios directos os siguientes concellos:

    • Semana do 1 ao 7 de xuño: A Peroxa, Chandrexa de Queixa, Coles, Nogueira de Ramuín
    • Semana do 8 ao 14 de xuño: A Arnoia, O Carballiño, Cenlle, Cortegada, Esgos, Gomesende, Leiro, Melón, A Mezquita, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, Rubiá, San Amaro, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo.
    • Semana do 15 ao 21 de xuño: Amoeiro, Avión, Boborás, A Gudiña, Leiro, A Mezquita, Vilardevós, Vilariño de Conso.

¿Que deben facer os veciños?

En edificios de tamaño medio ou grande equipados con sistemas de antena colectiva baseados en monocanales ou centraliñas programables, que non tiveran adaptado a súa antena colectiva anteriormente, deberán contactar canto antes cunha empresa instaladora para adaptar a súa instalación de recepción de televisión, segundo informa a Subdelegación do Goberno en Ourense.

No caso de vivindas unifamiliares non se necesita ningún tipo de adaptación máis alá da resintonización do seu televisor dende o mando a distancia.

Axudas

Para minimizar o impacto deste proceso sobre a cidadanía, o Consello de Ministros aprobou mediante Real Decreto o 21 de xuño de 2019 a concesión directa de subvencións ás comunidades de propietarios afectadas, por un valor total de 145 millóns de euros, xestionadas pola empresa pública Red.es.

A contía da subvención oscila entre 104,3 € e 677,95 € por edificación, en función da infraestrutura previamente instalada no edificio.

As solicitudes de axudas poderán presentarse online ata o 30 de setembro de 2020, tras haber realizado previamente a adaptación das instalacións de recepción do sinal de TDT. Será necesario presentar a documentación xustificativa, incluíndo a factura e o boletín de instalación.

Só se poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras do Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitales.

Máis información:
http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 e 910 889 879.

Artigos relacionados

Back to top button