A Ruta do Viño de Valdeorras, xunto ás das outras catro denominacións de orixe galegas, participará nunha campaña promocional que se desenvolverá a partir de hoxe polas sete cidades galegas. A iniciativa, promovida por Enoturismo Galicia e o Clúster de Turismo galego, presentábase na mañá do 5 de setembro na praza de Obradoiro de Santiago, primeira cidade onde se desenvolverá esta actividade de difusión denominada roadshow. Nela contarase cun tráiler promocional no que se realizarán catas dos viños (gratuítas) de cada unha das rutas (Valdeorras, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas), ademais de distribuír información sobre elas. Tampouco faltarán as actuacións musicais.
O acto contaba coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; do alcalde de Santiago, Martiño Noriega; de presidentes de consellos reguladores galegos, entre eles os do Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra, ademais da vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Montserrat Rodríguez. Os días 8 e 9 a campaña trasladarase ata as cidades de Ferrol e A Coruña, respectivamente, logo os días 15 e 16 ata Pontevedra e Vigo, e finalmente, os días 22 e 23 ata Ourense e Lugo.
Nesta campaña terá especial protagonismo a ruta valdeorresa, que estará presente en toda as actividades da promoción. “Polas mañás os viños premios Acio de Ouro das Catas do Viño de Galicia 2017, Godeval godello e D’Berna mencía, estarán nos ágapes que se ofrezan ás autoridades de cada localidade. Nesta ocasión levarán a etiqueta do Consello Regulador D.O. Valdeorras para representar á denominación”, segundo informan dende a Ruta do Viño de Valdeorras.
Ademais, durante as tardes haberá catas comentadas pola sumiller Mercedes González con varias marcas de viños das cinco rutas. No caso de Valdeorras as marcas presentes serán A Coroa godello 2016, O Casal godello 2016, O Cepado godello 2016, Alán de Val Castes Nobres 2014, Virxe de Galir Rosa Rivero mencía crianza 2015 e Joaquín Rebolledo mencía 2016.