ConcellosO BarcoÚltima hora

Sae a concurso a obra de consolidación de ruína no entorno do BIC do Castro (O Barco)

O proxecto foi redactado polos arquitectos Juan A. Caridad Graña e Isidro López Yáñez. O orzamento base de licitación é de 77.708,29 euros

Casa do Concello do Barco./ Foto: A.R.

 

Na Sede Electrónica do Concello do Barco vén de publicarse o 21 de novembro a apertura do prazo para a presentación de ofertas para a execución da obra denominada “Consolidación de ruína no entorno do BIC do Castro”, coa que se pretende “dar solución aos problemas rexistrados neste lugar tras a caída dunha edificación”, segundo o Concello do Barco.

O proxecto foi redactado polos arquitectos Juan A. Caridad Graña e Isidro López Yáñez. O orzamento base de licitación é de 77.708,29 euros, e as empresas interesadas en participar neste proceso de adxudicación disporán dun prazo de 20 días naturais para a presentación das súas propostas. As obras contan cun prazo de execución de seis meses a partir da firma do contrato.

“As obras que se sacan a licitación teñen por obxecto a consolidación da ruína existente na parcela sita en Lugar do Castro nº 88. A situación de ruína produciuse como consecuencia do derrubamento accidental acontecido no mes de xaneiro de 2022, froito da incidencia dunhas fortes choivas e a situación de mal estado de conservación da vivenda preexistente no solar. Dita vivenda forma parte do conxunto histórico do núcleo do Castro, no que se sitúa a fortaleza do mesmo nome, declarada BIC como monumento o 17 de novembro de 1994”, tal e como indica o Concello do Barco.

Así mesmo, a edificación atopábase catalogada polo Plan de Ordenación Municipal vixente como patrimonio cultural, co nivel de protección ambiental, categoría A, destacando a súa balconada e a súa composición de muros graduados. “Estes condicionantes foron determinantes para definir as actuacións para acometer sobre a situación actual do solar. A vivenda tamén se atopaba catalogada polo PEP-1 do núcleo rural de O Castro, con aprobación inicial con data de 5 de Agosto de 2010, asignándolle a protección estrutural. Dado o gran valor da peza afectada polo derrube, así como o da contorna do que formaba parte, a solución pasa por restituír os muros de contención orixinais sobre os que se asentaba a edificación, favorecendo a seguridade e a conservación da vivenda anexa, así como das vivendas próximas situadas no aire norte, na zona superior da pendente, e restituíndo a posición orixinal das rasantes para a súa futura rehabilitación”, citando ao Concello.

Esta administración local apunta así mesmo que a solución adoptada buscará “adecuar o solar para favorecer unha futura actuación no mesmo que restitúa a vivenda afectada polo derrube, conservando as súas trazas de volume e composición, detalladas na normativa específica de plan municipal de protección do Castro. Proxéctase tamén a execución dun muro de contención de terras na mesma posición na que se atopaba o da vivenda preexistente, recuperando a cota da vivenda no interior do solar, permitindo que o seu espazo interior sexa accesible desde o camiño”.

Mediante este proxecto tamén prevé levar a cabo os labores de impermeabilización da medianeira da vivenda lindeira e a colocación dun conduto de drenaxe pola cara exterior do muro de contención, que canalizará as augas cara á ladeira sur, onde discorren as escorrentas naturais, en previsión de que se execute a súa conexión á rede de sumidoiros durante os traballos de rehabilitación do núcleo, tal e como adianta o Concello do Barco.

Back to top button