ConcellosO BarcoÚltima hora

Sae a concurso a pavimentación e renovación da marxe esquerda da rúa Elena Quiroga en Viloira (O Barco)

 

O Concello do Barco publicaba onte, no Perfil do Contratante da Sede Electrónica, o concurso para a adxudicación da obra de pavimentación e renovación de infraestruturas na Rúa Elena Quiroga, marxe esquerda, que conta cun orzamento de 155.000 euros. Trátase dun proxecto cofinanciado pola Deputación Provincial de Ourense, que aporta 100.000 euros.

A actuación, que deberá executarse nun prazo máximo de 4 meses, inclúe a renovación das infraestruturas de saneamento da marxe esquerda da rúa Elena Quiroga, que pola súa antigüidade atópanse moi deterioradas, producíndose numerosas roturas e fugas, o que ten provocado, á súa vez, que o pavimento das beirarrúas presente afundimentos.

Así mesmo, soterrarase a rede de iluminación pública que discorre por esta marxe, e cruzarase soterrada á beirarrúa da marxe contraria. Segundo información facilitada ao autor do proxecto polo Servizo de Augas do Concello, esta marxe conta á súa vez cunha rede de abastecemento nova de PVC, polo que só se renovarán as acometidas desta rede ás vivendas, e unirase a rede completa, agora dividida en dous tramos, para crear unha malla pechada e abastecer ao maior número posible de usuarios en caso de avaría.

“Baixo as beirarrúas desta marxe atópase unha rede de rega de PVC, que foi renovada recentemente e non presenta problemas, polo que non está prevista a súa substitución. Por outra banda, procederase á renovación do pavimento das beirarrúas e do pavimento de aglomerado e da sinalización horizontal de calzada e aparcamentos, e farase unha nova beirarrúa na marxe esquerda do acceso á N536, para unir nunha actuación posterior coa beirarrúa que discorre por esta marxe da estrada. Debido a este motivo e para evitar actuacións futuras que poidan deteriorar o estado do novo pavimento, procederase a colocar canalizacións enterradas de iluminación pública, telefonía e enerxía, que actualmente discorren aéreas cruzando desde a beirarrúa da marxe oposta, para o seu posterior soterramento por parte das compañías correspondentes”, segundo informa o Concello do Barco.

A presentación de proposicións e documentos para este procedemento realizarase exclusivamente a través da plataforma Mercurio na dirección: http://mercurio.altia.es/sle_Internet/concelloobarco sendo posible realizala durante 24 horas ao día ata o vixésimo (20) día natural seguinte ao da publicación do anuncio de licitación no perfil de contratante do Concello do Barco de Valdeorras, aloxado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (PcPG), á que poderá accederse desde a web institucional www.concellodobarco.org na pestana Perfil do Contratante ou ben directamente na web https://www.contratosdegalicia.gal. No perfil de contratante están publicados, ademais do anuncio de licitación, os pregos administrativos e o proxecto técnico definidor da obra.

Artigos relacionados

Back to top button