CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

“Saldoira nacía coa esperanza do poder dinamizador da letra escrita”

Marta Cortés, directora da revista "Saldoira" do IES Martaguisela do Barco, abordaba este proxecto educativo nunha xornada sobre prensa e publicacións en galego en papel no Consello da Cultura Galega

Marta Cortés, no centro da mesa, durante a mesa redonda no Consello da Cultura Galega.

 

“Saldoira é unha enorme pena que está na ribeira do río Sil ao seu paso polo Barco. Seguramente, segundo indica a etimoloxía, significa pía, baño para salgar o peixe e a carne. Nós pretendiamos coa nosa revista, pensada e escrita e galego, conservar a lingua, conservar a nosa identidade iso pretendía a revista, por iso escollimos ese nome”. Marta Cortés, directora da revista “Saldoira” do IES Martaguisela do Barco, explicaba deste xeito a escolla deste nome para esta publicación no decurso da xornada “Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel”, promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago o 10 de outubro.

Cortés participaba nunha mesa de relatorios sobre publicacións especializadas, moderada pola xestora cultura e comunicadora Ana Díez e da que tamén formaban parte Francisco Fernández Rei, membro do Consello de Redacción de “A Trabe de Ouro” e “Nova Ardentía. Revista de Cultura Marítima e Fluvial”; Alberte Sánchez, membro do Consello de Redacción de “Cerna”, Alejando Nieves codirector de “Farlopa Fanzine” de Verín.

Marta Cortés explicaba como xurdía este proxecto no 2004, contextualizándoo na realidade sociolingüística do Barco, “desfavorable para o galego. Por iso a revista non era unha actividade máis do centro debía cumprir e cumpre a día de hoxe cos seguintes obxectivos: dignificar a lingua, aumentar o seu prestixio, aumentar os seus usos, implicar a todos os axentes escolares neste proceso, contribuír á dinamización lingüística do contexto, dinamizar o uso do galego no centro de xeito que repercuta no exterior, difundir as actividades dinamizadoras na vila, promover o mantemento da lingua entre o alumnado, profesorado e familias e nos rexistros coloquiais ante persoas non galegofalantes con competencia oral na nosa lingua, fomentar a lectura en lingua galega e mellorar a competencia linguística entre a comunidade educativa e persoal non docente”. En definitiva, “Saldoira” nacía “coa esperanza do poder dinamizador da letra escrita e convertida en papel e que daquela non tiña competencia no dixital”.

 

 

A directora desta revista repasaba a súa traxectoria, tanto en deseños como en contidos e estrutura, número a número, amosando tamén as súas portadas. Tamén se refería a momentos críticos nos que a piques estivo de deixar o papel, como no 2013, no que finalmente se impoñía a decisión de continuar. E, nese senso, Marta Cortés lía emocionada un texto recollido na edición dese ano na que se xustificaba esta aposta. “Tomamos a decisión en tempos difíciles, pero en tempos complicados hai que facer grandes esforzos. E pensamos que a nosa revista merece perdurar no recordo porque recolle momentos inesquecibles. Grazas porque colaborastes na construción da memoria colectiva do IES Martaguisela e ter memoria é fundamental para vivir con dignidade. Moitos dos que agora estandes lendo estas letras atoparedes algún día esta revista escolar nalgún caixón ou estante da casa e non poderedes evitar viaxar polas súas páxinas e traeredes á memoria compañeiros esquecidos e queridos e aventuras que nos fixeron medrar como persoas. Gárdadea, está feita con retallos de vida”. Este podería ser un resumo, na miña opinión, do que significa a prensa escrita nun centro escolar”, dicía.

 

 

E concluía ese repaso coa referencia á “Saldoira confinada, que foi sacada in extremis na pandemia” e que se converteu nunha “crónica de como se viviu a pandemia nun centro educativo, son testemuñas de alumnado e profesorado que perdurarán para sempre”. E o último número céntrase en Florencio Delgado Gurriarán, autor valdeorrés ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas.

Marta Cortés resaltaba a boa acollida que entre a comunidade educativa ten esta revista e apostaba polo futuro do papel. “Estamos a falar de memoria, de conservación, de difusión, de valoración do propio nun mundo globalizado que tende a esquecer a rapidamente, á mesma velocidade que fabrica e consume, sobrevivir aquí no papel e na letra da abundancia de paragrafos para o noso centro é un orgullo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button