OurenseÚltima hora

San Francisco abranguerá un complexo museístico de preto de 2.000 metros cadrados

As obras, participadas pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, levaranse a cabo en tres fases. A primeira terá un custo de 1,6 millóns de euros, achegados polo Goberno galego

O complexo de San Francisco converterase nun complexo museístico de preto de 2.000 metros cadrados. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tras a Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, 12 de abril. Esta proposta contará con tres fases de actuación, tendo a primeira un custo de 1,6 millóns de euros achegados por parte da Xunta de Galicia. Outra das institucións que tamén se sumou a este proxecto foi a Deputación Provincial.

Segundo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, este enclave cultural formará “parte fundamental” da rede de Museos do Casco Vello. O complexo abranguerá o museo de San Francisco , “un museo que vai responder ao debuxo de cidade moderna que queremos, tendo en conta a nosa historia”, apuntou o rexedor municipal, e os espazos museo dos Bolechas e o da Roda de Afiar, ambos xestionados pola Deputación de Ourense.

Esta intervención en tres fases arranca coa restauración da parcela ocupada pola antiga Igrexa de San Francisco, que correspondería unicamente á parte expositiva da cuberta do conxunto. A segunda fase incorporará a este espazo museístico a edificación da antiga capela da Venerable Orde Terceira, un área que ocupa actualmente o albergue de peregrinos, para usos accesorios necesarios para o normal funcionamento do museo (almacéns, aseos, administración…). Finalmente, a terceira fase incorporará a parte restante da capela da Venerable Orde Terceira, ocupada hoxe en día pola escolma de esculturas e cuxo uso será expositivo cuberto.

O rexedor municipal remarcou que este complexo suporá “un elemento dinamizador e turístico nun enclave cultural da cidade por excelencia”. Xa que este espazo museístico unirase ao xa conformado polo Claustro de San Francisco, que abrangue a Biblioteca e o Arquivo Histórico, o Auditorio Municipal e as escolas municipais de idiomas e artes escénicas. “A isto súmase o Cemiterio de San Francisco, declarado Ben de Interese Cultural (BIC)”, aseverou Jesús Vázquez.

Xunta de Goberno Local

En canto á Xunta de Goberno Local, foron 13 os asuntos achegados polas diferentes áreas municipais. Entre estes hai que salientar a aprobación do expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de centro de día para persoas maiores dependentes do Concello por un importe de 177.000 euros durante tres anos. Canda este expediente está o de contratación, tamén mediante procedemento aberto, dos servizos de conserxería dos centros cívicos dependentes do Concello, por un valor de 172.000 euros divididos en tres anos.

Sen saír das contratacións, o Concello ven de adxudicar o servizo de mantemento das aplicacións corporativas de Tesourería, Recadación, Multas e Participación, por un importe de 94.310 euros, á empresa Systems ITC Iberia S.A.U, “por ser a oferta economicamente máis vantaxosa”, asegurou Jesús Vázquez.

En materia de Augas, a Xunta de Goberno Local acordou requirir a Viaqua que ingrese nas arcas municipais 5.000 euros en concepto dun expediente de responsabilidade contractual. E, finalmente, aprobouse unha relación de facturas, correspondentes ao ano 2016, por un importe de 326.498 euros.

 

Jesús Vázquez dando conta dos asuntos da Xunta de Goberno Local. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button