Na sesión plenaria que a Corporación de San Xoán de Río vén de celebrar o 28 de xaneiro aprobábase a adhesión do Concello ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, asumindo así os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030.
Esta adhesión implica “a adopción dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de aguas residuais e dos residuos sólidos urbanos”, segundo explica o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.
Este plan de acción supón así mesmo o “deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao concello de San Xoán de Río para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despóis, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030”, engade o rexedor.
Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, o Concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos 313 concellos galegos pola Direccion Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina, a través do Centro de Asistencia aos Concellos e do Observatorio de Fondos e Convocatorias, realizará un asesoramento personalizado ao Concello de San Xoán de Río, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.
“Con este paso, o Concello de San Xoán de Río intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático”, asegura o seu alcalde. O pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo, está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello de San Xoán de Río contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable. Esta folla de ruta concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e mediante esta iniciativa se poñen en práctica de xeito máis directo o ODS 13 Acción polo Clima e o ODS 17 Alianzas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.