SanidadeÚltima hora

Sanidade fará un cribado selectivo de Covid en Verín e citará a unhas 10.000 persoas

Farase os vindeiros días 27, 28, 29 e 30 de decembro no antigo Campo da Feira de Gando de Verín

 

Ante o incremento de casos nos últimos días no concello de Verín, o Servizo Galego de Saúde procederá a facer un cribado selectivo da maior parte da súa poboación os vindeiros días 27, 28, 29 e 30, que se realizará directamente na vila, no antigo Campo da Feira de Gando de Verín.

O cribado realizarase mediante recollida de mostras para PCR e “pooling” de saliva. En total estímase que serán citados ao longo dos vindeiros días, a través dunha mensaxe de SMS, ao redor de 10.000 persoas, que se corresponden coa poboación da vila maior de 15 anos, con tarxeta sanitaria en Verín, maiores de 15 anos, aos lle se lles poida enviar un SMS de citación e o resultado se este é negativo.

As probas realizaranse así ao 82,70% da poboación. A tipoloxía da proba será mediante test de saliva á poboación entre 15 e 69 anos (8.039) e mostra nasofarinxea para PCR aos maiores de 70 anos, un total de 1.961.

Os veciños citados para realización destas probas están a recibir unha mensaxe nos seus móbiles, na que se lle indica a hora e lugar e posto ao que se deben dirixir. Con esta mostra poboacional poderá coñecerse o grao de transmisión, así como detectar posibles positivos a Covid-19 asintomáticos, ou sen síntomas, cortando así a cadea de contaxios.

“Estas probas non se poden confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado”, tal e como matiza a Consellería de Sanidade.

Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente por parte do persoal médico de atención primaria. Para elo, o servizo Galego de Saúde lembra novamente a importancia de manter os datos de contacto actualizados e comprobar se se está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas.

Artigos relacionados

Back to top button