Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o Comité Clínico de expertos que fai seguemento da pandemia do Covid-19 en Galicia acordaba na súa reunión desta tarde, entre outras medidas, implementar “unha vixilancia especial nos concellos de Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño”.
Ademais decidía suavizar as medidas restritivas nos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade. Así mesmo, os concellos de Ribeira, Bueu, e Baiona, pasan ao nivel máximo de restricións.
Ademais do antedito, os concellos de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra, pasan ao nivel medio alto de restricións.
Igualmente, o comité clínico acordou que o concello de Santiago pasa a nivel medio e queda pechado perimetralmente.
Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.
Sinalar, por último, que mañá mércores, a Consellería de Sanidade informará do plan de nadal para Galicia.