
O grupo parlamentario do BNG vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate no pleno do Parlamento de Galicia para pedir a mellora da estrada OU-533 e que se inicie o proceso de contratación das obras no ano 2024.
“A estrada OU-533 que vai dende A Gudiña até A Rúa pasando por Viana do Bolo ten unha grande importancia como elemento vertebrador do oriente ourensán. Esta estrada dun longo duns 50 km, discorre por unha zona de montaña polo que ten un trazado sinuoso e cun porto de montaña, o alto do Covelo, no termo municipal de Viana do Bolo; tamén no seu recorrido hai que atravesar a vila de Viana do Bolo, o que provoca importantes problemas tanto ao tráfico rodado como aos peóns, polo perigo do seu trazado nesta travesía. Estamos ante unha estrada con abundantes curvas, o que lle confire unha especial perigosidade, o que queda demostrado polo importante número de accidentes que houbo ao longo do seu trazado; algúns dos cales tiveron moita gravidade provocando numerosos mortos nos últimos anos. Esta sinuosidade e perigo é si acaso mais importante no tramo A Gudiña Viana do Bolo duns 20 km, neste tramo non hai ningún carril para os vehículos lentos e as zonas para adiantar son practicamente inexistentes”, explican os parlamentarios nacionalistas que asinan o texto, entre eles Secundino Fernández.
Así mesmo, na iniciativa explícase que a “OU-533 é unha estrada que ten unha importante circulación por servir de eixo do oriente ourensán, unindo a comarca de Valdeorras coa A-52 na Gudiña. Tamén circulan por esta estrada moitos vehículos e grande numero de mercadorías que se dirixen cara o norte de Portugal e que proceden tanto de Valdeorras como de Lugo como da comarca do Bierzo, León, Asturias e incluso Cantabria. Tamén inflúe no incremento do tráfico a estación da liña de AVE da Gudiña, que leva a moitas veciñas e veciños da comarca de Valdeorras e de Viana do Bolo a utilizar dita vía. Estamos polo tanto ante unha vía de moito tráfico, cun alto volume de tráfico pesadoDende o BNG, interesámonos numerosas veces polo seu arranxo e mellora. Tamén dende o Concello de Viana do Bolo e os concellos de Valdeorras se solicitou a mellora desta vía sobre todo no tramos A Gudiña Viana do Bolo”.
Así mesmo, lémbrase que finalmente no 2024 a Xunta de Galicia fixo público unha nova na que se indicaba que se ía a redactar o proxecto de acondicionamento da estrada OU-533. “Segundo as novas que fixo a Xunta en época preelectoral no primeiro semestre do ano 2024 encargaríase a redacción do proxecto dos arranxos do tramo A Gudiña-Viana do Bolo. “Practicamente pasou o primeiro semestre do ano 2024 e non se sabe nada de dito encargo, nin se volveu a mencionar a mellora de dita estrada, tan necesaria para as comarcas mencionadas. Por todo isto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno o Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a realizar o proxecto de mellora da estrada OU-533, e a iniciar o proceso de contratación das obras no ano 2024”.