PolíticaÚltima hora

Secundino Fernández, deputado do BNG: “Levarei as problemáticas e propostas de Valdeorras ao Parlamento galego”

Este parlamentario nacionalista adiantaba que dúas das súas liñas principais de acción serán a sanidade e as infraestruturas

 

Na súa primeira lexislatura como deputado no Parlamento de Galicia, cuxa LXII Lexislatura se constituía o 18 de marzo, Secundino Fernández, que é ademais concelleiro en Viana do Bolo, pretende se a voz de Valdeorras no Hórreo. Así o aseguraba esta mañá en rolda de prensa no Barco, onde estaba acompañado pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert; polo voceiro do BNG na Corporación barquense, Manuel Agra; e pola deputada provincial María Mangana.

“O obxectivo deste acto e dar a coñecer as persoas do BNG encargadas en cada unha das institucións de velar polos intereses da nosa comarca, de levar alí os asuntos relacionados con Valdeorras e ver por que ámbitos imos empezar a traballar en cada unha delas”, dicía Albert, asegurando que “a realidade é que nin na Deputación de Ourense nin na Xunta de Galicia se están a facer cargo das maiores necesidades que ten esta comarca”.

A continuación interviña o voceiro municipal do BNG no Barco, Manuel Agra, quen apuntaba que “a partir de agora Secundino Fernández será o noso voceiro no Parlamento galego e intentaremos darlle moito traballo porque a verdade é que nesta comarca hai unha serie de problemas, entre eles a falta de pediatras, que se vai a agravar proximamente, logo están a falta de infraestruturas de comunicacións, o avellentamento comarca… e Secundino será o elo de unión de Valdeorras con Santiago, estamos un pouquiño lonxe e non é fácil ter voz alá”.

Pola súa banda, María Mangana, deputada provincial, explicaba que dous serán os eixos de acción do BNG na Deputación de Ourense, á parte do sector agrícola: “a sanidade e as comunicacións”, aludindo á estrada N-120. “Dende a Deputación seguiremos unha liña continuísta cos concellos e máis co Parlamento galego e trataremos de traballar todos a unha para intentar aunar forzas e que a problemática de Valdeorras se vaia solucionando”.

 

 

Finalmente, o deputado galego Secundino Fernández, comprometíase a levar ao Parlamento galego “todos os temas que preocupan a esta comarca. Os dous fundamentais son a sanidade e as comunicacións, aí temos o Hospital Valdeorras, no que temos que intentar que teña cada vez máis servizos, pero hai outros temas cruciais como o da pediatría. Insistiremos tamén no Centro de Saúde da Rúa, que iso está sen darlle solución, a pesar dos compromisos políticos”.

Fernández considera necesario que “se coñezan no Parlamento galego todas as deficiencias e as necesidades da comarca se vexan reflexadas, porque é alí onde se toman as decisións, e tamén imos trasladar as que sexan do Estado”. Este deputado do BNG forma parte da Comisión 7ª de Agricultura, Montes e Medio Rural e da número 4 de Cultura e Educación, ademais de levar a nivel territorial a comarca de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button