Esta mañá Secundino Fernández, deputado do BNG por Ourense no Parlamento galego, ofrecía unha rolda de prensa, acompañado polo concelleiros desta formación no Barco e na Rúa, para expresar o seu apoio á demanda de pais e mais para que se cubran as prazas de Pediatría no Centro de Saúde do Barco. “Temos que recoñecer o labor que se fai dende a sociedade, dende a base, parécenos unha demanda totalmente xusta, tendo en conta ademais que no Distrito Sanitario do Barco está en risco de perder este servizo xa que das tres prazas que hai, só unha esta cuberta e ese pediatra vaise xubilar no outono sen que haxa perspectivas de que se cubran esas prazas”.
Neste senso, aseguraba que o BNG “apoia e apoiará todas as reivindicacións ante todas as administracións e ante todos os estamentos, estaremos cos pais e coas mais”. Tamén comentaba que, sendo xustas tamén as demandas de pediatría que se fai en zonas como O Carballiño e Xinzo de Limia, no caso do Distrito do Barco a situación complícase pola gran distancia que existe coa capital da provincia de Ourense. Por iso, engadía, “dende o BNG imos defender anta a administración da Xunta que se cubran as prazas de Pediatría no Centro de Saúde do Barco”.
Preguntado sobre a posibilidade de presentar algunha iniciativa no Parlamento galego nesta cuestión, Secundino Fernández explicaba que na declaración institucional presentada e aprobada polos tres grupos políticos da Corporación barquense (PSOE, PP e BNG) na que se acordaba que se mantivese como unha reivindicación cidadá, evitando calquera sesgo político, e que se presentase de forma conxunta entre as tres formacións. “Tendo en conta esa petición nos decicimos respectala”, dicía, matizando que, sen embargo, outro grupo político (o partido socialista) si a levaba ao Parlamento como unha iniciativa propia.
A intervención de Fernández ía precedida pola do voceiro do BNG no Barco, Manuel Agra, quen aludía a un texto incluído no proxecto da Axenda Urbana do Barco, que recollía a necesidade de que “o hospital de Valdeorras recuperara os servizos”, e poñía en valor o feito de que fose a cidadanía quen tomase a iniciativa, “neste caso os pais e mais os que se poñan á fronte na loita por un pediatra no Centro de Saúde do Barco. Nós dende aquí queremos felicitalos por esa iniciativa e imos darlles todo o noso apoio”.
Fotos: A.R.


